A asociación local A Xanela dará nome a unha rúa das Pontes

O pleno do Concello das Pontes acordou, por unanimidade, durante a sesión plenaria ordinaria do mes de xullo celebrada onte, dedicarlle unha rúa á asociación local A Xanela.

Así, aprobouse nomear como Rúa A Xanela, o viario que nace na Rúa 8 de Marzo e que remanta na rotonda do Rego do Campo, “co fin de recoñecer a labor dunha entidade local que leva máis de tres décadas axudando a persoas mozas e adultas con diversidade funcional, promovendo a súa inclusión na sociedade pontesa a través de actividades de ocio e lecer” expuxo a Concelleira de Organizacion Interna, Lorena Tenreiro.

Trátase dunha asociación que conta con máis de 210 persoas socias e 40 persoas usuarias, unha entidade social de referencia no municipio que vela polos dereitos, benestar e calidade de vida dos pontesas e ponteses con diversidade funcional e das súas familias.

Así mesmo, o pleno acordou asignar, coa abstención do BNG, o nome de Maruja Mallo á rúa que vai desde a Avendia da Habana ata a área Recreativa José Ferro, paralela ao Poboado da Fraga. A concelleira de Organización Interna explicou que a elección deste nome é homenaxear á pintora, figura destacada do surrealismo español e pioneira do feminismo.

Este acordo, será notifcado ás persoas que figuren como interesadas ou podan resultar afectadas por el así como ás entidades, empresas e organismos que presten servizos públicos destinados á colectividade (Correos e Telégrafos, Xerencia Territorial do Catastro….).

Tamén durante a sesión plenaria aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo PsdG PSOE sobre a necesidade da autorización do uso de remanentes e flexibilización da regra de gasto para o uso do superávit das Entidades Locais.

Nesta moción, ínstase ao Goberno a flexibilizar o actual marco normativo para permitir que os Concellos poidan facer uso dos seus superavits, a fin de financiar a posta en marcha de medidas, en todos os ámbitos da súa competencia, que axuden a paliar as consecuencias económicas e sociais derivadas da crise provocada polo virus COVID -19.

O pleno pontés tamén aprobou cos votos a favor do PSOE, de Xuntas por As Pontes en Común e o BNG e a abstención do PP, unha moción sobre as consecuencias da pandemia do COVID 19 nas residencias de maiores de Galicia.

O pleno pontés insta ao Parlamento galego a constituir unha comisión de investigación sobre as causas e consecuencias padecidas pola pandemia do Covid-19 nas residencias de maiores, crear un plan de atención integral ás persoas da terceira idade asentado no principio de xestión pública e directa do servizo e, así mesmo demanda ao goberno galego un cambio de modelo asistencial e de prestación de servizos nas residencias de maiores e a creación dunha residencia pública no Concello das Pontes.

Etiquetas