Sandra Vázquez defende en Vilalba a recuperación de vivendas no casco histórico

A candidata do PPdeG pola provincia de Lugo ás elección autonómicas, a vilalbesa Sandra Vázquez, destacou “o dobre beneficio” que supón a rehabilitación de inmobles deteriorados do casco histórico vilalbés porque “permite recuperar a zona” ao mesmo tempo que “contribúe a dotar a Vilalba de máis vivendas sociais”. Así o manifestou durante un paseo pola zona no que tamén participou a cabeza de lista popular pola provincia da Coruña, a actual conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Vázquez lembrou que “xa está en curso a licitación das obras de rehabilitación de dous inmobles en estado de ruína para convertelos en vivendas de promoción pública” tras seren adquiridos polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Deste xeito, cun investimento de preto de 400.000 euros, “o Goberno galego amplía a oferta de vivenda pública neste concello con notable demanda”.

Así, trala recuperación dos inmobles situados no número 6 da rúa Ferrería e no número 14 da Concepción Arenal obteranse dúas vivendas unifamiliares. No primeiro caso, as actuacións previstas suporán a demolición dos elementos do seu interior porque só se atopa en bo estado a súa estrutura. A vivenda situada na rúa Concepción Arenal, pola súa banda, requirirá dunha intervención integral -incluída a reconstrución dos muros exteriores- debido ao seu avanzado estado de deterioro.

“O prazo para presentar ofertas para a recuperación dos inmobles remata o 14 de xullo”, puntualizou. O orzamento da licitación do contrato das obras de rehabilitación do edificio da rúa Ferrería supera os 260.000 euros; mentres que para o da rúa Concepción Arenal o orzamento de licitación é de algo máis de 136.000 euros.

Etiquetas