Skip to main content
ActualidadeCospeito

A Deputación recupera as obras do polígono de Feira do Monte

Por 5 Xullo, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que as obras de urbanización do polígono industrial de Cospeito retomaranse neste mes de xullo. A institución provincial asume a execución deste proxecto, que estaba en mans da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa), entidade que nestes momentos se adopta en proceso de extinción tras a decisión unánime que adoptou o Pleno a proposta do Presidente.

José Tomé sinalou que, coa reactivación das obras do parque industrial de Cospeito, “cumprimos co compromiso adquirido pola institución provincial cos veciños e veciñas” desta localidade chairega para crear unha infraestrutura “demandada polo tecido empresarial e que contribuirá a dinamizar a economía deste concello”.

“Creo que as institucións, e quen as representamos, temos que cumprir coa palabra dada, dende a lealdade institucional, buscando o entendemento entre administracións; e deixando ó marxe calquera consideración partidista. A Deputación de Lugo é o Concello dos Concellos. Unha institución que escoita e que traballa para mellorar os servizos e infraestruturas de todos os concellos da provincia de Lugo, dos 67, a través o diálogo e a cooperación”, subliñou o Presidente.

As obras de urbanización do polígono de Cospeito están paralizadas desde setembro do 2019, e retómanse agora, unha vez que o Concello conseguiu a solución que tiña pendente de achegar para o vertido das augas pluviais e está xestionado a preceptiva autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A Deputación solicitou así mesmo ante Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia autorización para acometer os cruces na LU-111, de titularidade autonómica, para o entronque dos servizos municipais.

O investimento da Deputación neste proxecto é de preto de 1,3 millóns de euros. A día de hoxe, está executado aproximadamente o 10% da obra, correspondente ao movemento de terras. As obras que restan son a finalización do movemento de terras, as redes de saneamento, pluviais, abastecemento, alumeado público, telecomunicacións, gas, centro de transformación e sinalización. O prazo de execución é de 5 meses.