Bonos consumo Vilalba

Remedios González, voceira do PP en Rábade“Sentimos que é necesaria unha renovación, ideas novas”

Remedios González leva ao fronte do PP de Rábade dende 2015. Aínda que se incorporou activamente á política tarde, non era un mundo estraño para ela xa que o seu pai foi alcalde tamén co PP.

Como foi que se decidiu meter en política?
Pois a verdade é que a miña incorporación activa na política foi tardía, comecei no ano 2011 como concelleira na lista do PP de Rábade pero sempre me interesou sobre todo o referente ao meu pobo. Meu pai foi alcalde de Rábade durante moitos anos e parece que algo se leva no ADN. Neses anos realizáronse a maioría das obras importantes neste municipio e eu sentía que se estaba a perder a esencia do que representaba Rábade para toda a comarca e ademais estaba a sufrir un grande abandono en moitos aspectos, polo que cando mo propuxeron non dubidei en botar unha man para tratar de mellorar no que fora posible a nosa vila.

Que valoración fai deste tempo ao fronte da oposición?
É complicado facer oposición en Rábade cando o alcalde e o seu socio de goberno do PSOE non fan autocrítica e pensan que o seu xeito de actuar e sempre perfecto sin admitir suxestións ou outras opcións. Tivemos problemas en servizos básicos como a auga e a pesares de demostrar que tiñamos a razón non foron capaces de tomar medidas.

Cales son os principais eixes do partido nesta vila?
O noso principal obxectivo é axudar aos veciños en todo aquelo que poidamos. Loitaremos por todo o que pensamos se necesita mellorar que son moitas cousas

Cales son as necesidades máis destacadas de Rábade?
Mellorar os servizos básicos: a auga e a limpeza, pois son moi deficientes. Solucionar a accesibilidade cunha nova pasarela sobre a vía do tren para que os veciños poidan desprazarse dun lado a outro da vila sen problemas. Mellorar e potenciar o Polígono Industrial, para darlle un pulo á creación de postos de traballo para os veciños e veciñas de Rábade.
Rematar e urbanizar moitas rúas que levan anos a medio facer.

Que propostas ten o partido enriba da mesa?
Aparte do explicado anteriormente, agora mesmo propoñemos que a través do Plan Único se realice o saneamento das rúas que non o teñen o que supón un grave problema para os veciños e veciñas. Tamén solicitamos que se conecte o saneamento do barrio de Regabaixo xa que está feito dende fai 15 anos e non funciona. Propuxemos tamén que se realice un acceso directo ao Polígono Industrial a traves de subvenciones da Consellería de Industria para impedir que as empresas se vaian e atraer a outras ao noso polígono. Agora mesmo, reforzar os servizos sociais básicos tanto en dependencia como de emerxencia social, pero as axudas ao pequeno comercio, o sector da hostelería e aos autónomos é algo urxente.

Cumpríronse algunhas das presentadas?
A verdade é que non, as nosas propostas sempre teñen problemas de execución. Sentimos que é necesario unha renovación, ideas novas, puntos de vista diferentes… Rábade necesita un cambio, o noso pobo leva máis de 20 anos de apatía, de pasotismo, de atraso e de máis do mesmo.

Etiquetas