Bonos consumo Vilalba

Suspendidas as visitas na residencia de Pol polo brote de coronavirus

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que, ante a evolución do rebrote do coronavirus na Mariña, a institución provincial, decidiu que desde hoxe quedan suspendidas tamén as visitas e saídas nos centros de atención a maiores da súa titularidade na Fonsagrada e Pol como medida preventiva e de protección dos usuarios e usuarias. Unha medida que o Goberno provincial adopta adiantándose ás disposicións da Xunta para o control da propagación do virus nas zonas próximas á Mariña. Estas residencias xa estaban en fase 2 desde o 25 de xuño, ao inicio do brote na comarca mariñana.

A institución mantén ademais a restrición total de visitas e saídas nos centros de Ribadeo e Trabada, pechados dende o 25 de xuño pola Deputación, tamén adiantándose ás disposicións da Administración autonómica.

Tal e como explicou o Presidente, para reforzar a prevención e minimizar o risco de contaxio, a Deputación procederá á desinfección integral das instalacións dos catro centros.

José Tomé subliñou que a Deputación, como fixo dende antes incluso da declaración do Estado de Alarma, continúa aplicando as máximas medidas de prevención, en moitos casos por riba do que estableceron as autoridades sanitarias, para evitar en todo o posible a propagación do virus nas residencias, tendo en conta que os seus usuarios son as persoas máis vulnerables ante a enfermidade da Covid-19.

A Deputación de Lugo continúa aplicando nas residencias e no conxunto de edificios da súa titularidade un reforzo engadido do servizo de limpeza, prestando especial atención ás zonas de acceso e saída dos sectores de illamento, escaleiras, portas, ascensores, zonas de deambulación, entre outras, para reducir o risco de transmisión do coronavirus.

Etiquetas