Biciclistas Galegos celebraron a I Volta a Vilalba

O pasado domingo 5 de xuño celebrouse a I Volta a Vilalba en bicicleta, primeira actividade realizada por Biciclistas Galegos tras o confinamento obrigatorio a causa do covid-19. A proba tivo en conta as medidas de seguridade actuais e recorreu máis de 80 kilómetros por distintas parroquias do Concello de Vilalba.

A proba forma parte da programación prevista por esta asociación para o ano 2020 e que, como todos os anos, abarca distintos escenarios dentro da Terra Chá, Lugo, A Capela e zonas limítrofes. No mes de xaneiro, a asociación levou a cabo a única actividade do 2020, a volta a Penas de Rodas, e dende entón viuse paralizada a súa actividade pola pandemia. Deste xeito tiveron que pospoñerse actividades previstas polo día da muller (8 de maio), polas letras galegas (17 de maio), a Friolera de Cotas en Friol (3 de maio), e varias xornadas de iniciación dirixidas ás familias e principiantes previstas para o 25 de abril e 30 de maio. O covid-19 tamén truncou a terceira edición da Ruta Solidaria de Xermade ademais doutras actividades en Lugo e Muimenta.

Biciclistas Galegos traballa na actualidade para axustarse á novas normativas co fin de seguir levando a cabo estas actividades que teñen por obxectivo desfrutar da bicicleta dun xeito non competitivo, reforzando o compañeirismo e a cooperatividade e poñendo en valor as riquezas paisaxísticas e turísticas das zonas onde se desenvolven. Ademais, a asociación pretende reivindicar e reforzar o uso da bicicleta como medio de transporte limpo e efectivo de cara a frear a contaminación derivada dos nosos desprazamentos diarios e da cesión desigual de espazos ao vehículo de combustión fronte ao peón ou ciclista.

PROXIMAS ACTIVIDADES

Sempre que a situación sanitaria o aconselle, proximamente Biciclistas abrirá a posibilidade de realizar un estudo biomecánico en tres dimensións para aqueles afeccionados vilalbeses máis avezados ou para persoas con lesións ou molestias que necesiten axustar as medidas da bicicleta ás súas características morfolóxicas. Para iso a asociación contará ca presenza do exciclista profesional David Herrero que formou parte, entre outros equipos, do Euskaltel Euskadi ou Karpin Galicia e que actualmente realiza estudos biomecánicos a equipos profesionais como o Astana ademais de a numerosos corredores de élite.

As actividades o pasado ano convocaron a máis dun milleiro de persoas.

Etiquetas