A Xunta subvencionará obras nos polígonos de Muimenta e Outeiro de Rei

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver a orde de axudas a concellos para financiar melloras nas infraestruturas dos polígonos empresariais. Na provincia de Lugo concedéronse achegas que suman 434.800 euros para executar seis proxectos.

Nesta convocatoria a Xunta apoiará obras de mellora da rede viaria nos parques industriais de Cospeito e Outeiro de Rei entre outros.

Así, en Cospeito está previta a mellora do acceso sureste ao polígono de Muimenta cunha achega total de 39.706 euros. Mentres, en Outeiro de Rei a obra prevista consiste en actuacións de mellora das infraestruturas viarias de acceso ao polígono por importe de 50.392 euros.

A través desta orde de axudas, a Xunta financia ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos presentados polos concellos para executar melloras nos parques empresariais, incluídas as obras nas infraestruturas viarias; xestión de residuos; implantar plantas de depuración de augas, incluídos os colectores con verquido á depuradora municipal; instalar sistemas de seguridade e vixilancia, de protección destinados á loita contra incendios ou contra o roubo de cable.

A axuda máxima é de 120.000 euros por solicitude, que pode alcanzar os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos. Os Concellos Emprendedores teñen prioridade á hora de acceder ás axudas, outorgándolles unha maior puntuación nos criterios de valoración.

Etiquetas