Skip to main content
Actualidade

Outeiro de Rei contará cun novo complexo deportivo

Por 10 Xullo, 2020Sin comentarios

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Outeiro de Rei sentaron as bases para colaborar na creación dunha nova área deportiva para os veciños.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, asinaron un protocolo de colaboración no que se comprometen a impulsar esta actuación en materia urbanística, que consiste na modernización dos equipamentos públicos municipais.

Concretamente, construirase unha nova zona deportiva ao servizo da poboación, consistente nun complexo de piscinas, centro BTT e os espazos de lecer asociados aos mesmos, unha dotación necesaria e demandada polos veciños.

Coa construción destas instalación preténdese dotar ao municipio duns servizos dos que carece na actualidade e que redundarán na potenciación dunha mellora dos hábitos saudables da poboación ao potenciar a realización de actividades deportivas tales como a natación e a práctica do ciclismo.

Para a localización, elixiuse unha parcela de titularidade municipal sita na urbanización Santa Isabel, moi preto da área recreativa de Santa Isabel, a carón do río Miño na desembocadura co río Ladra, na Reserva da Biosfera Terras do Miño.

O enclave se atopa ao pe da ruta BTT Outeiro-Castro de Rei que atravesa ambos os dous municipios amosando a súa riqueza natural e patrimonial. Pola área de Santa Isabel discorre ademais a Ruta do Miño, ruta de sendeirismo que atravesa o municipio de norte a sur a carón das ribeiras do Miño, cun percorrido duns 18 km.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que con este tipo de colaboracións dáse cumprimento ao reto do Goberno galego de apostar pola recuperación das vilas e ao obxectivo de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que buscan mellorar e potenciar espazos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas.