Bonos consumo Vilalba

A Deputación adxudica a asistencia técnica aos concellos e obras en Guitiriz

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a adxudicación dos servizos de asistencia técnica para que os concellos da provincia poidan implantar unha nova taxa ás compañías eléctricas e de gas polo uso que fan dos bens de dominio público para o transporte da enerxía, un tributo que lles permitirá “obter novos recursos económicos”, asegurou García Porto.

A Deputación asinou un convenio de colaboración cos 53 concellos da provincia que decidiron sumarse a este proxecto.

A Xunta de Goberno adxudicou a elaboración do conxunto de traballos técnicos, económicos e administrativos que son necesarios para a aplicación da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local que fan as empresas de subministro eléctrico e gas.

En concreto, a voceira do Goberno explicou que as tarefas contratadas son as seguintes:

  • A confección de ordenanzas fiscais reguladoras desta taxa para os 53 concellos adheridos ao convenio.
  • A revisión e actualización dun inventario xa realizado pola Deputación das liñas de transporte de enerxía eléctrica de media e alta tensión.
  • A elaboración dun inventario das redes de transporte de gas (os gaseoductos).
  • A elaboración dos informes técnicos, xurídicos e económicos nos que se defina o procedemento para o cálculo da taxa.
  • A estimación dos ingresos que supoñerá a implementación da taxa para cada concello
  • E o asesoramento pericial ante calquera posible recurso das compañías distribuidoras de enerxía afectadas pola nova ordenanza.

A Deputada indicou que se trata dun “expediente moi complexo que tivo unha longa tramitación, e que ademais foi recorrido por unha das empresas licitadoras”, e lembrou, neste senso, que a principios do pasado mes de xaneiro a Xunta de Goberno tomou razón dunha resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia que determinou retrotraer o proceso para contratar esta asistencia técnica ao momento da valoración das ofertas dos licitadores suxeitas a criterios automáticos.

O contrato foi finalmente adxudicado á UTE formado por Calixto Escariz, SLU, BIGM Civil Engineers SL e Sertogal SL por un orzamento de 193.406,40 euros.

O prazo de execución é de 4 anos, aínda que durante os primeiros 8 meses, a adxudicataria terá que elaborar o inventario das afeccións das liñas eléctricas aos bens municipais de dominio público e o estudio técnico económico para a implantación da taxa.

“Este interesante e ambicioso proxecto é froito do noso compromiso coa máxima cooperación cos Concellos para que poidan mellorar e ampliar os servizos que prestan ós veciños e veciñas”, subliñou Pilar García Porto.
Os 53 Concellos adheridos ao convenio impulsado pola Deputación para implantar a taxa ás compañías enerxéticas polo uso do dominio público son os seguintes: Abadín, Alfoz, Baleira, Barreiros, Baralla, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, Chantada, O Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Riotorto, Rábade, Sarria, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro.

Mellora de estradas provinciais de Guiritiz
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobamos o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo correspondente ás obras de mellora de dúas estradas provinciais en Guitiriz, ue foron adxudicadas en 64.563,18€.
Unha das actuacións consiste no arranxo da rúa Mercado, que, partindo da N-VI discorre cara a parroquia dos Vilares, na estrada provincial LU-P-2301. E a outra obra terá lugar na estrada provincial LU-P-2305, que vai dende A Pena Moscosa (N-VI) ata Parga.

O proxecto consiste en dotar á estrada de beirarrúas en ámbolos dous lados, nun treito de 200 metros. Esta vía discorre entre vivendas e supón o acceso a dúas estradas que xa contan con beirarrúas.  Aproveitando esta actuación tamén se van canalizar as augas a través de tubaxe e sumidoiros.

Unha vez aprobado o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo, as obras comezarán nos vindeiros días. O prazo de execución é de 6 meses.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a solicitude do Concello de Xermade para destinar remanentes do Plan Único 2019 por un importe total de algo máis de 47.200 euros para a reparación de estradas en Penachaíña, Ribeira e a vía de conexión entre a LU-170 e a LU-P-2204 e para a liquidación das obras de reparación de beirarrúas en Momán.

Convenios co Concello de Ourol e coa USC
Ademais, o Executivo deu luz verde a dous convenios, un, a través do que a Deputación de Lugo achegará ao Concello de Ourol 15.000 euros para a celebración do IX Festival do Aturuxo e outro, coa Universidade de Santiago de Compostela, Caixa Rural e a Confederación de Empresarios de Lugo para seguir promovendo a actividade do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía do Campus de Lugo. Neste caso, a Deputación aporta 9.500 euros.

Etiquetas