Expertos internacionais comezan coa avaliación do queixo San Simón

Os 120 prescritores e posibles compradores nacionais seleccionados pola Xunta para facer promoción do queixo curado da Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa están a recibir outras tantas pezas deste produto, para facer a súa correspondente avaliación.

Trátase de restauradores, críticos, responsables de compras das cadeas de distribución, xornalistas e outros profesionais de prestixio relacionados co mundo da gastronomía, seleccionados polos técnicos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), adscrita á Consellería do Medio Rural. A todos eles se lles pide que valoren este produto de calidade, con vistas a fomentar a súa promoción e comercialización nas diferentes canles de venda aproveitando as suxestións e comentarios destes expertos.

Así, a Xunta quere dar a coñecer este produto de gran calidade resultado dun coidadoso e laborioso proceso de maduración, que dura ata 50 semanas. É un queixo de aroma penetrante e sabor moi intenso, obtido grazas á receita artesanal empregada e ao uso das mellores materias primas, que potencian ao máximo ao seu sabor inconfundible. A diferenza coas pezas tradicionais está precisamente nese tempo de maduración, que non supera os 45 días para as pezas grandes e os 30 para o formato pequeno.

A DOP San Simón da Costa ampara o queixo elaborado con leite procedente de gando vacún das razas rubia galega, pardo-alpina, frisona e dos seus cruzamentos entre si. O leite empregado é enteiro e cunha composición equilibrada de graxa e proteínas, conforme ás características e estación do ano. A zona de produción, tanto do leite como do queixo, atópase ao norte da provincia de Lugo e está constituída pola comarca da Terra Chá, que engloba os concellos de: Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade.

Con esta iniciativa, o Goberno galego reforza o seu compromiso e apoio aos produtos con calidade diferenciada da nosa Comunidade, co fin de dalos a coñecer a nivel nacional e internacional. Cómpre lembrar que Galicia é a terceira comunidade autónoma española con máis produtos de calidade certificados, con ata 36 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida.

Etiquetas