Comezan nas Pontes as obras do inmoble da rúa da Igrexa

O Concello das Pontes iniciou as obras de rehabilitación do inmoble situado no número 3 da Rúa da Igrexa, no casco vello do municipio.

Os traballos, financiados pola Deputación da Coruña, cun orzamento de 242.000 euros teñen como obxectivo prioritario revitalizar unha zona emblemática do concello a través da creación dun espazo sociocultural e lúdico que se converterá no centro neurálxico do casco da Vila, o núcleo de poboación máis antigo e de maior valor histórico da localidade.

Desde o Concello de As Pontes, apuntan que “a través desta rehabilitación queremos fomentar e completar a oferta cultural e turística da Vila e, ao mesmo tempo, dar resposta a unha demanda histórica da Asociación de Veciños Lembranza da Vila, apostando pola recuperación e posta en valor da zona vella do municipio, fomentando ao mesmo tempo a participación cidadá no pobo e ampliando a nosa colaboración co tecido asociativo municipal.”.

As actuacións previstas, co obxectivo de aproveitar ao máximo o espazo existente, prevén, en cada planta, a creación dunha aula taller e un ámbito multiusos. Na zona central de cada planta, separando os distintos ámbitos, crearase unha zona que albergará todas as comunicacións verticais do edificio (ascensor e escaleiras), os aseos e as zonas de almacenaxe.

Así mesmo, debido ao estado actual do inmoble, levarase a cabo unha rehabilitación integral da edificación que contempla a instalación de todos os elementos necesarios para dotar ao edificio de electricidade, iluminación, telecomunicacións, evacuación de residuos e recollida de pluviais así como de ventilación, fontanería, calefacción e climatización, apostando por sistemas que potencien o aforro e a eficiencia enerxética.

Etiquetas