Bonos consumo Vilalba

Vilalba Aberta propón un sistema municipal de cheques para a conciliación

Vilalba Aberta vén de presentar a que será a primeira das súas iniciativas de cara ao Pleno Ordinario de xullo. Un sistema municipal de cheques axuda para a conciliación que, do mesmo xeito que aconteceu coa aprobada proposta de Programa Municipal de axudas directas a autónomos e Pemes, a formación asemblearia quixo “trasladar, explicar e contrastar”, antes da súa exposición e rexistro cos sectores económicos implicados, desta volta, pola vía dunha xuntanza coas responsables das tres ludotecas da vila, isto é: Minds, Larilandia e VeoVeo) 

O encontro, que, tal e como apuntan dende Vilalba Aberta, lles “permitiu recoller de primeira man as problemáticas do sector do ocio infantil en relación á dura realidade post covid, así como as que, nomeadamente, este está a ter co Goberno en minoría do PSOE en Vilalba”, representou, en palabras do voceiro municipal da formación, Modesto Renda,  a “derradeira criba” de cara á presentación dunha “ambiciosa á par que realista” iniciativa que se concibe “complementaria á aprobada de axudas directas a autónomos e pemes”, en tanto incidirá no necesario impulso á actividade económica do concello (sector do ocio infantil), mais que “nace pensada para axudar ás familias traballadoras de vila e parroquias, pola vía do apoio á conciliación da vida laboral e familiar, en base a un límite de gasto por cheque/unidade familiar de 150/mes no caso de un/unha menor; de 300/mes no caso de dúas/dous; e de 500/mes no suposto de tres ou máis.

MEMORIA ECONÓMICA E DE TRAMITACIÓN

Presentada por rexistro acompañada dunha minuciosa memoria económica e de tramitación, a proposta de Vilalba Aberta  fixa coma potenciais beneficiarios aos proxenitores ou titores legais de nenas e nenos menores de 10 anos que acrediten o estrito e lóxico cumprimento dunha serie de requisitos tales como que o menor, a nai ou no seu caso o pai solicitante (ou o titor legal) deberán estar empadroados e ter a súa residencia habitual no Concello de Vilalba (no caso de separación ou divorcio este requisito só será esixible ao proxenitor que tivese a garda e custodia); que a renda da unidade de convivencia non supere os 1500 netos mensuais se ten un fillo/a ao seu cargo ou 1800 euros netos mensuais con dous ou máis; e, por último, non dispor os proxenitores de bens inmobles, distintos á vivenda habitual, sobre os que se posúa un dereito de propiedade, que, polas súas características, valoración, posibilidade de explotación ou venda, indique a existencia de medios suficientes para atender a necesidade para a que se solicita a axuda.

Así mesmo, a proposta de bases vinculada á iniciativa clarifica que se entenderá por conciliación da vida laboral e familiar casos de ampliación da formación (estudos secundarios, universidade, preparación de oposición ou certificados de profesionalidade, cursos de formación ocupacional, exames …); motivos laborais (horario laboral, entrevista de traballo, horas extra, …); urxencias (casos de enfermidade da persoa que se fai cargo das crianzas – coidador – e/ou hospitalización dalgún membro da familia); e motivos sociais (familia formada por un só proxenitor que cumprindo os criterios económicos, non estea desenvolvendo tarefa profesional algunha e se acredite que está nunha situación psicosocial difícil e se valore necesaria a socialización da menor)

Con respecto ao financiamento da iniciativa, Modesto Renda explicou que Vilalba Aberta teorizou en base a dous supostos, isto é: contemplando tanto a posibilidade de que o Goberno do PSOE axilice “a urxente elaboración duns orzamentos de crise para a anualidade 2020”, como a de que, “unilateralmente e pretendendo gobernar por decreto, decida prorrogar os de 2019”. 

Neste senso, en ámbolos dous contextos, a viabilidade da iniciativa estaría asegurada para a presente anualidade, pois “financiaríase con cargo á aplicación orzamentaria do 4% do total do remanente de tesourería do Concello de Vilalba (o que suporía unha inversión de arredor de 160.000€, neste primeiro ano), con vistas a ter continuidade en base ao volume de solicitudes contrastadas, quedando así, limitada e vinculada nos sucesivos exercicios a un máis axustado importe consignado para esta finalidade, pola vía dunha partida específica nos Orzamentos Xerais da corporación no que resta de lexislatura 2019/23.

Na mesma liña se pronunciou a súa compañeira de Grupo Municipal e edil de Vilalba Aberta, María Xosé Fernández, lembrado que “a concesión dos cheques axuda podería poñerse en marcha dun xeito áxil “previa tramitación do correspondente expediente de modificación orzamentaria” no caso de que a “dinámica de parálise do Goberno Municipal persista nos meses previos ao comezo do curso”. 

“Haxa ou non haxa orzamentos, a proposta de Vilalba Aberta é asimilable, realista economicamente, áxil en termos de tramitación e, sobre todo, nace asentada en criterios de progresividade” remarcou. 

As axudas previstas outorgaríanse ata esgotar o máximo previsto de 160.000 euros para a primeira anualidade, sendo o departamento de servizos sociais o encargado da valoración e seguimento do proceso. Ademais, e resoltas as solicitudes presentadas no prazo establecido da convocatoria e non esgotándose o crédito establecido na mesma, quedaría aberta a posibilidade, previo acordo da Xunta de Goberno Local, de acordar a realización dunha segunda convocatoria destas axudas, ditando, para o efecto, as normas necesarias para a súa execución dentro do exercicio 2020.

Etiquetas