Continúa á baixa o brote da Mariña con 11 casos menos que onte

Nas últimas horas reduciuse noutros 11 o número de casos activos relacionados co brote de covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña. Das 92 PCR realizadas nesta última xornada, tres resultaron positivas. A maiores, nas últimas horas, un total de 14 persoas foron dadas de alta tras superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 140, é dicir, 11 menos ca onte. Dende o inicio do brote e ata o día de hoxe son máis de setenta as persoas vencelladas ao brote que xa están curadas.

Das 92 PCR realizadas nas últimas horas a persoas relacionadas con este brote, tres arroxaron resultado positivo. As restantes 89 foron negativas. Neste momento a porcentaxe de PCR positivas é moi baixa respecto ao momento no que se adoptaron as medidas especiais para conter o brote no distrito da Mariña, cando aproximadamente o 20% das PCR realizadas eran positivas.

Así mesmo, destacar que todos os novos positivos que se foron detectando nesta área estaban relacionados co brote. Dos 140 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Cinco persoas con covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Nestes momentos hai 524 persoas en seguimento domiciliario, 10 menos ca onte.

PROVINCIA

Paralelamente, os casos activos na provincia de Lugo volvéronse reducir, con once menos desde o mércores para un total de 160. Deles, catro están hospitalizados en Burela (o quinto ingresou esta mañá). Son dous máis que o mércores e todos están en planta. O resto, 156, recupérase nos seus domicilios.

Nos hospitais de Lugo e Monforte non hai ningún paciente con covid-19, un virus que desde o inicio da pandemia cobrouse 28 vidas na provincia. Ademais, rexistráronse 1.032 altas, 18 máis nas últimas 24 horas.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 227, once menos que onte. Deles 27 son da área da Coruña, 160 da de Lugo, 4 da de Ourense, 7 da de Pontevedra, 16 da área de Vigo, 12 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 220 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.018 persoas curadas e rexistrándose 619 falecementos.

Etiquetas