O Concello de Vilalba destina 167.000 euros a humanizar a zona do auditorio

O Concello de Vilalba anunciou que sacará o proxecto de humanizacion da contorna do auditorio será sufragado con cargo ao Plan Único da Deputación e terá un orzamento de 167.000 euros. A actuación contempla a zona limitada pola instersección das rúas Pita da Veiga, Porta de Cima e As Pedreiras, que pasaría a ser unha zona axardinada.

O proxecto recolle a instalación de bancos e dunha pérgola no tramo inicial da rúa das Pedreiras, entre o cruce coa rúa Pita da Veiga e as escaleiras de acceso á praza de Santa María. Esa zona, ademais, pasará a ter unha menor presenza de tráfico, xa que se prevé prohibir o aparcamento e darlle unha aparencia e unha utilidade máis ben propias dunha praza, na que tamén se poderían celebrar actividades. Entre as obras previstas figura tamén a renovación do pavimento, que será de formigón e de granito, e a ampliación das beirarrúas. O proxecto propón demoler un dos inmobles en ruíñas que son titularidade da Xunta para habilitar unha zona axardinada e prolongar as beirarrúas ata Porta de Cima.

Ademais da humanización da zona, tamén se realizará a mellora dos servizos urbanos existentes. A substitución do pavimento por un acorde cos circundantes supoñerá a colocación de tres tipos de firme: laxa de granito, formigón armado antiescorregadizo e formigón desactivado.

Na mellora de servizos entrarán o saneamento, o abastecemento e a iluminación pública. Tamén se preinstalará as redes de gas cidade e de fibra óptica e telecomunicacións.

Etiquetas