Skip to main content
Actualidade

Caixa Rural celebra a súa asamblea xeral para aprobar as contas

Por 21 Xullo, 2020Sin comentarios

Caixa Rural Galega celebrou a súa Asemblea Xeral anual este sábado ca presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes de Xuntas Preparatorias celebradas durante estas últimas semanas nas localidades de Vilalba, Cambados, Pontevedra, Melide e Lugo, que este ano estiveron marcadas polas medidas de protección contra o Covid 19.

O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio 2019, das que destaca un beneficio neto que superou os 5,5 millóns de euros, cifra que supera lixeiramente a do ano 2018.

Tamén estaba na orde do día a elección do Presidente e varios Vogais e Vogais Suplentes que concluían mandato. O actual Presidente, Manuel Varela, que ostenta o cargo dende 2015 foi reelixido para un novo mandato.

As contas recollen uns activos que acadan os mil douscentos millóns de euros e que supoñen un crecemento algo superior ao 11% respecto do ano anterior.

Os depósitos de clientes supoñen case mil cen millóns de euros e a inversión crediticia supera os cincocentos cincuenta millóns de euros, acadando ambas partidas crecementos do 9,7% e 11% respectivamente. A entidade pechou o exercicio cunha ratio de morosidade do 4,92% que continúa a súa tendencia á baixa, en clara recuperación tras os anos máis difíciles da recente crise. A ratio de solvencia acada o 15,33%, mellorando más de dous puntos o dato de 2018 e que lle permite cumprir con folgura os requirimentos normativos.

O reelixido presidente, Manuel Varela, cualificou o exercicio 2019 como exitoso, na liña dos últimos anos, pese ás dificultades habituais como as incertezas económicas, a inseguridade xurídica ou a persistencia de tipos de xuro extremadamente reducidos que dificultan as marxes da actividade. Si ben a conxuntura xa non se podía cualificar de favorable, a presenza nestes primeiros meses de 2020 do coronavirus, o confinamento da poboación e os efectos negativos que isto terá para a economía nos próximos meses e incluso anos, fan presaxiar tempos máis complexos que os que nos preceden. Así, a Entidade espera servir de soporte para as actividades dos seus socios e clientes como xa sucedera a raíz da crise de 2008, cando se producira un peche crediticio, durante o cal unha entidade de tamaño reducido e ámbito local como Caixa Rural Galega foi capaz de seguir dando crédito gracias á súa posición e estrutura de balance froito dunha traxectoria de xestión prudente.

Con todo, a Entidade segue sendo optimista cando menos respecto da continuidade da súa senda de crecemento, apostando por un equilibrio entre a dixitalización que impera no sector e a súa rede de oficinas e a atención persoal que caracteriza á Entidade dende sempre.