--->https://galiciaxa.com/?p=35214 Abre de novo ás visitas a residencia de Pol e a de Vilalba volve pechar - Terrachaxa.com

Abre de novo ás visitas a residencia de Pol e a de Vilalba volve pechar

A Deputación de Lugo decidiu retomar as visitas nos seus centros de maiores en Pol e A Fonsagrada, que permanecían pechados dende o 5 de xullo como medida preventiva ante o rebrote de covid-19 xurdido na comarca da Mariña. A reapertura será en dúas fases: unha primeira que comezou onte e, unha segunda, á que avanzarán unha vez que o servizo de Benestar avalíe a situación epidemiolóxica da provincia.

Esta primeira fase permite que acudan ao centro dous visitantes á semana por persoa usuaria, ou ben, dous visitantes por grupos de usuarios (cónxuxes, irmáns…) para procurar diminuír o risco de contaxio. Estas visitas realizaranse con cita previa, de luns a venres, onde se informará de día, hora, duración e medidas que se deben adoptar para realizar a visita en condicións de seguridade. Habilítanse dúas modalidades de visitas: a que se realiza nas instalacións do centro, e a que permite unha saída do recinto con acompañamento de persoal da residencia.

A maiores, os usuarios poderán realizar dúas saídas á semana dunha duración máxima de dúas horas. Nestes paseos, deberán evitar lugares moi concorridos para que non se dean situacións de alto risco de contaxio. Así mesmo, tamén se reanuda o servizo de quiropodia, tendo en conta a importancia que estes coidados teñen para as persoas maiores e o seu benestar.

Transcorridos 7 días, o servizo de Benestar da Deputación de Lugo avaliará a situación epidemiolóxica na provincia para decidir se se flexibilizan as medidas e se avanza a unha segunda fase. Esta segunda fase permitirá 3 visitas á semana que se poderán realizar tamén na fin de semana, e os usuarios poderán realizar 3 saídas persoais á semana. En relación aos servizos, reanudarase o servizo de perruquería.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explica que se actúa con prudencia e anticipación nestes centros, a pesar de que o brote non era nas súas comarcas porque “queremos minimizar o risco de contaxio e protexer aos nosos maiores naquelas cuestións que están ao noso alcance”. Engade que “a mellor pauta que se pode seguir para facerlle fronte ao virus neste momento é a distancia social, non podemos poñer en risco aos nosos maiores e é preferible limitar o acceso agora que máis tarde ter que lamentar consecuencias maiores”.

Rivera Capón puntualiza que é “fundamental protexer aos usuarios e usuarias das residencias, xa que son as máis vulnerables xunto ás que padecen patoloxías previas fronte a esta pandemia do coronavirus covid-19”.

Cada centro irá evolucionando segundo as circunstancias sanitarias da zona na que se atopa ubicado, respectando en todo momento as decisións adoptadas polas autoridades sanitarias. “Estamos mantendo contactos de maneira diaria coas consellerías de Sanidade e Política Social para aplicar os protocolos axeitados e así o seguiremos facendo”, sostén o Deputado.

A Deputación de Lugo continúa aplicando nas residencias e no conxunto de edificios da súa titularidade un reforzo engadido do servizo de limpeza, prestando especial atención ás zonas de acceso e saída dos sectores de illamento, escaleiras, portas, ascensores, zonas de deambulación, entre outras, para reducir o risco de transmisión do coronavirus.

VILALBA

Debido á situación epidemiolóxica do covid-19 no concello de Vilalba, ata novo aviso, tanto a Residencia de persoas maiores como a Unidade de Alzhéimer permanecerán pechados. Esta abriu xa a finais de maio cando a pandemia estivo controlada na zona e agora volve pechar debido ao pequenbo brote detectado nunha familia e que afectou a catro persoas en Vilalba e dúas en Xermade.

Etiquetas