A Subdelegación de Goberno apoia a candidatura de Crecente Vega ás Letras Galegas

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, recibiu a unha representación da comisión que promove a candidatura de Xosé Ramón Crecente Vega para o Día das Letras Galegas de 2021 formada por Xulio Xiz e Mario Crecente Vega.

A subdelegada expresou o seu apoio á campaña que leva a cabo esta comisión para pedir que a Real Academia Galega homenaxee a Crecente Vega no próximo Día das Letras Galegas, cadrando co ano no que se conmemora o 125 aniversario do nacemento deste poeta da Terra Chá.

“Penso que persoeiros como Crecente Vega, que traballaron a prol da cultura galega cando non era tan doado facelo, merecen ser recordados por quen nos beneficiamos do seu esforzo”, manifestou Isabel Rodríguez que tamén eloxiou a vitalidade cultural da provincia de Lugo e agradeceu a iniciativa e o entusiasmo das persoas e colectivos que promoven a candidatura do poeta chairego .

Crecente Vega, que naceu en Castro de Rei en 1896 nunha familia de labradores e morreu en Segovia en 1948, formouse no Seminario de Mondoñedo. Foi poeta, profesor e sacerdote e a súa obra máis coñecida é o poemario “Codeseira”, publicado en 1933.

A comisión que promove a súa candidatura para o Día das Letras Galegas 2021 está integrada por estudos e escritores, así como por diversas asociacións e entidades da provincia.

Etiquetas