Skip to main content
ActualidadeBegonte

Os veciños manifestáronse contra a limitación de tonelaxe na ponte de Uriz

Por 23 Xullo, 2020Sin comentarios

Este mércores 22 de xullo, un grupo de veciños do Concello de Outeiro de Rei manifestáronse na ponte de San Esteban ou ponte Uriz-Gaioso, que une este Concello con Begonte e que cruza o río Ladra, pola limitación de tonelaxe imposta recentemente pola Deputación de Lugo e que está a afectar “o desenvolvemento comercial da zona”, segundo indican.

Os veciños aseguran que esta medida perxudica a empresas de madeira, explotacións lácteas e tamén a particulares. A manifestación, que concorreu de forma pacífica, contou coa presenza da Garda Civil e co apoio do alcalde do Concello de Outeiro de Rei, ademais doutros concelleiros das parroquias afectadas.

A Deputación de Lugo fixo hai unhas semanas a instalación de sinalización horizontal de limitación de tonelaxe para garantir a seguridade viaria. Estas actuacións cumpren co avanzado polo presidente, José Tomé Roca, responsable directo de Xestión Territorial, quen adoptou a decisión de proceder ao pintado de sinais horizontais indicativas de limitación de tonelaxe despois de que as sinais verticais foran arrincadas de maneira reiterada.

A ponte de Uriz data de entre finais do século XVIII e comezos do XIX e atópase recollida no Inventario de Pontes Históricas de Galicia. En abril de 2016 produciuse un afundimento da calzada provocado por danos estruturais existentes no segundo arco e no muro de carga. A súa gravidade motivou que a Deputación procedese á súa reparación mediante unha actuación de emerxencia, que rematou en xuño de 2016 e que tivo un custe de preto de 91.500 euros.

Así mesmo, en agosto do pasado ano, apareceu inmediatamente antes da ponte un socavón, debido a danos existentes nunha obra de drenaxe que se atopa antes do viaducto, do lado de Begonte. A Deputación reparouno encargando os traballos á adxudicataria da conservación na zona.

Segundo informan os técnicos da Deputación, a análise dos danos descritos fixo pensar que existe unha relación directa co elevado tráfico de vehículos pesados, xa que estas estruturas non foron concibidas para soportar cargas tan altas, nin polo seu deseño, nin polos materiais de construción. Por esta razón, procedeuse á instalación de sinais para limitar a tonelaxe, que, sen embargo, foron arrancadas en dúas ocasións, descoñecéndose a identidade dos infractores. Por iso, agora, para reforzar a seguridade, ademais de colocar de novo sinalización vertical, tamén se pintan marcas viarias de limitación de tonelaxe.