O Lois Peña Novo entra no programa de formación de idiomas Cuale

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de publicar no portal educativo a relación de centros participantes no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (Cuale).

Un total de 5 centros de ensino da provincia de Lugo, un de Vilalba, participarán o vindeiro curso nesta iniciativa, a través da que o alumnado de centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia pode preparar as probas de certificación das Escolas Oficiais de Idiomas (EEOOII) dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas.

Así o IES Lois Peña Novo contará co B1 de inglés.

A formación que recibirá o alumnado é gratuíta e realizarase fóra do horario lectivo. O Cuale desenvolverase en 4 modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Así, poderán cursar a modalidade Cuale A1 os estudantes que superasen  todas as materias do 2º curso da ESO e que estean matriculados en 3º. A modalidade Cuale A2 está dirixida ao alumnado que superase todas as materias de 3º da ESO e estea matriculado en 4º curso, así como aos inscritos en ciclos formativos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas.

Por outra banda, o Cuale B1 vai dirixido ao alumnado de bacharelato, de ciclos de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas. As modalidades Cuale B2 serán para as alumnas e alumnos de bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas, e para os que dispoñan do certificado del nivel intermedio das EEOOII ou outros certificados do nivel B1 do MCERL.

O profesorado encargado de impartir o Cuale, docentes de ensinanza secundaria de lingua estranxeira, realizará probas ao final do curso en cada nivel. A superación destas probas supón a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do Cuale A1, e o dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas EEOOII, no resto das modalidades. Para a obtención dos certificados oficiais é necesario que os estudantes superen as probas específicas que as EEOOII realizan cada ano.

Etiquetas