Rematan esta semana os traballos de limpeza das estradas autonómicas

A Xunta rematará esta vindeira semana os traballos de roza e limpeza que está a levar a cabo nas marxes de estradas autonómicas das comarcas de Noia, Fisterra, Lugo, Terra Chá, O Condado e Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, completa así neste mes as tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público, realizadas en máis de 30 vías autonómicas das catro provincias, para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

En concreto, concluirán os traballos nas vías autonómicas da provincia de Lugo: AG-64, entre Vilalba e Xermade; e a C.G-2.2, entre Lugo e O Corgo.

Tamén  o vindeiro venres prevese a finalización das actuacións iniciadas no mes de xuño nas estradas da provincia da Coruña: AC-445 – VG-1.4 en Corcubión, Cee e Fisterra; na AC-445, tamén en Fisterra; e na AC-554, en Outes. Completaranse, ademais, as intervencións iniciadas a principios de xullo nas estradas da provincia de Pontevedra: PO-254, entre Ponteareas e Mondariz; na PO-255, entre Ponte Caldelas e A Cañiza; e na PO-253, entre Ponteareas e Pazos.

Estas actuacións, desde o seu inicio en maio, xa se levaron a cabo nas marxes de vías autonómicas da provincia de Ourense e nas contornas da Mariña luguesa, do Baixo Miño, Vigo ou Ferrol.

As tarefas céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, co fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando xa no incremento de uso que experimentan no verán.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Etiquetas