Cospeito é o único Concello que non dará axudas polo covid-19, segundo di o PSOE

O PSOE de Cospeito manifestou a súa insatisfacción polas respostas recibidas polo alcalde, na última sesión plenaria. Os socialistas fixeron chegar o seu malestar “pola desidia” do equipo de goberno á hora de facer fronte á situación económica e sanitaria polo covid-19. “Somos o único Concello que non está a ofrecer axudas aos grandes perxudicados da situación sanitaria derivada do coronavirus”, indicou Rosa Morán, voceira socialista.

Indica a responsable política que “mentres noutros concellos buscan opcións para facilitar a economía local en Cospeito non se destinan cartos para iso e desestimaron todas as nosas propostas que se trataron no último pleno”. Tamén fixeron constar que non se convocou a Xunta de portavoces para debatir a situación actual malia que foi aprobada no pleno do mes pasado, o único punto que se aprobou do decálogo que presentaron.

“E mentres noutros concellos buscan solucións para axudar aos veciños en Cospeito comezamos a cobrar as taxas das terrazas cando nunca antes de cobraron”, conclúe. De feito, o Concello de Cospeito aprobou a modificación puntual do calendario fiscal para o exercicio 2020, pola que se fixa un novo período voluntario de ingreso de seis taxas municipais. O novo prazo para abonar estes impostos será desde o 3 de agosto ata o 1 de outubro. As taxas afectadas por esta modificación son polos servizos de abastecemento de auga, sumidoiros e recollida domiciliaria de lixo, así como o canon autonómico de auga. Tamén se inclúen as de aproveitamento especial de dominio público para a entrada de vehículos e caixeiros.

No mesmo capítulo, aseguran estar de acordo co peche das instalacións para evitar a propagación do virus pero aseguran que o Concello debería facer carteis informativos para as zonas de baño fluviais que non están xestionadas directamente polo Concello.

Os socialistas tamén se interesaron polas alegacións presentadas ao Plan Xeral, que se estiman que rondarán as 300 ou 400. O alcalde informou que algunhas destas alegacións son sencillas e outras máis complicadas e que en setembro estarán resoltas. O PSOE afirmou que moitas delas son erros de localización e de nomenclatura.

INTERESES DE DEMORA

Os socialistas tamén presentaron unha pregunta coa intención de recabar información sobre a situación dos intereses de demora. “As débedas dos Concello provocaron que nos últimos tempos pagáramos sobre 30.000 euros só en intereses de demora”, aseguran e engaden que “non entendemos como é posible que preguntemos cada pouco e nos digan que non hai facturas pendentes e mes a mes teñamos máis interese de demora que pagar, en especial cando eses cartos poderían ir mellor dirixidos a axudar aos veciños”, resume Rosa Morán.

Durante o Pleno, o alcalde asegurou que non hai facturas pendentes “pero eso xa o fixo outras veces e seguimos acumulando intereses, mentres di que a culpa é dos funcionarios, pero nós entendemos que é unha cuestión de desinterese pola situación”. A intención do grupo da oposición é pedir esa documentación directamente a intervención, “porque xa vemos que os plenos non sirven para moito”.

Tamén preguntaron pola xestión da páxina web municipal “que paga máis de 12.000 euros ao ano en mantemento e está desfasada, con moitos erros e sen actualizar”.

TRANSFERENCIA DE CRÉDITO

O pleno de Cospeito aprobou coa abstención do PSOE unha transferencia de crédito de 28.000 euros no orzamento municipal coa que se fará fronte á achega que lle corresponde facer ao Concello en tres proxectos, que recibiron subvencións de distintas entidades. Así, o Concello conta cunha axuda da Consellería de Economía e Industria para continuar coa mellora da estrada que vai desde O Arneiro ao polígono de Muimenta.

Esta actuación, que conta cun orzamento duns 50.000 euros, servirá para acometer o desdobre e ampliación da vía, que actualmente ten catro metros de ancho e a creación dunha senda peonil. Outro proxecto é o acondicionamento e mellora de distintas vías municipais, a través dunha axuda do Plan Marco da Xunta. O investimento rolda os 100.000 euros e o Concello debe facer fronte ao Ive e aos honorarios para a elaboración do proxecto.

As estradas que se arranxarán son a que vai de Xustás a Veiga do Pumar, a coñecida como Costa da Zapateira, en O Arneiro, e a que conduce desde o cemiterio de Veiga do Pumar á parroquia de Momán. A terceira intervención é o acondicionamento de varios camiños que parten da Lagoa de Cospeito e pasan por Feira do Monte, grazas a unha subvención de Rede Natura. O orzamento ascende a 27.000 euros.

No pleno tamén se deu conta da liquidación do exercicio do 2019 e aprobouse a gratuidade da gardería municipal a partir do segundo fillo.

Etiquetas