O adestrador friolés Felipe Barata publica un libro sobre as xestas do atletismo

O profesor de Educación Física do colexio de Friol e adestrador do club de atletismo de dita localidade, Felipe Barata, vén de publicar o libro de Edwin Moses naceu en Vallehermoso, unha colección de 57 relatos sobre as grandes xestas atléticas que se produciron ao longo da historia deste deporte.

O libro naceu en pleno confinamento, cando o profesor friolés mandáballes un capítulo diario os seus xoves atletas para axudarlles a coñecer un pouco máis a epopeia dun deporte que está considerado como o máis olímpico de todos iles e onde se desprende un amplo abano de historias marcadas polo sacrificio, a superación e a capacidade de saír dunha contorna nada propicia de todos os seus protagonistas. Como reseña o autor, “son historias que van máis aló do puramente deportivo e que entronizan os valores do atletismo como un elemento educativo de importante calado para todo aquel que se queira acercar o deporte con maior connotación olímpica de todos canto existen”.

Recolle nas súas páxinas duelos que quedarán para a eternidade como os de Carl Lewis e Mike Powell ou os de Sebastian Coe Stteve Ovett, a capacidade de loitar contra un destino marcado como as vidas de Wilma Rudolph, Ray Ewry ou Betty Robinson, converterse en atletas do século case sen pretendelo como fixeron Jim Thorpe ou Fanny Blankers-Koen, cambiar para sempre a visibilidade do atletismo como conseguiron Usain Bolt ou Yelena Isimbayeba, situacións disparatadas como a maratón dos Xogos Olímpicos de San Louis ou a final dos 400 metros de Londres en 1908, vidas de película como as de Jesse Owens ou a de Eric Lidell ou saltos prodixiosos como os de Bob Beamon ou Mutaz Barshim. O atletismo, unha guía para ir ergueito ca dignidade e nobreza polos camiños da vida.

Etiquetas