O Concello de Vilalba xestionará o comedor da escola infantil

O Concello de Vilalba xestionará de forma directa o comedor da Escola de Educación Infantil (nenos e nenas de 3 a 6 anos), un novo servizo que porá en marcha no próximo curso académico 2020/21.

O comedor terá 49 prazas e o concello impulsa o servizo “para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, a pesar de non ser unha competencia que pertenza ao concello”, explica a concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco.

A xestión deste comedor será un dos asuntos que o grupo de goberno local leve ao pleno municipal deste xoves. O concello tramitará un expediente para asumir esta competencia e o servizo terá un custo de 50.000 euros.

Parte do orzamento necesario para o comedor será sufragado pola Xunta mediante un convenio de colaboración co concello e as familias pagarán tamén algo ou non en función do seu nivel de renta (o custo do menú diario, que será de catering, oscilará entre a gratuidade e os 4,5 euros dependendo dos ingresos do fogar).

A xestión incluirá todos os protocolos de seguridade e saúde necesarios para que os nenos e nenas fagan uso do comedor de forma segura, tendo en conta a actual situación derivada do coronavirus.

Por outra parte, o concello garante a gratuidade do segundo fillo ou filla na gardería municipal (0 a 3 anos), independentemente da idade da súa irmá/irmán, para o que modificará a ordenanza reguladora.

Etiquetas