A Deputación impulsa con 40.000 euros actividades de educación ambiental en Avifauna

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da asociación centro de interpretación Avifauna, Antonio Ibáñez Burgo, asinaron un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 40.000€ para impulsar actividades e contribuír ao funcionamento do Parque Zoolóxico Ornitolóxico que xestiona o colectivo en Outeiro de Rei. No acto de firma do acordo, que tivo lugar na Sala de Xuntas, tamén participou o Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo.

O obxectivo desta axuda é a realización de actividades relativas á difusión, fomento e formación en materia de espazos naturais e fauna, o estudo, conservación e mantemento de especies en catividade e o funcionamento xeral do parque zoolóxico Avifauna.

Tomé Roca explicou que unha das accións que se desenvolven grazas a este convenio é permitir o acceso gratuíto ás instalacións dos menores de 14 anos que residen na provincia. O presidente destacou o importante traballo que o colectivo realiza para protexer e conservar as aves, “un aspecto que valoramos á hora de asinar este convenio porque sabemos que son unha fonte relevante de sabedoría e de boas prácticas nas que debemos fixarnos o conxunto da cidadanía”.

Avifauna alberga máis de 200 especies diferentes de aves, repartidas actualmente nunha extensión de preto de 30.000 m². O Parque Zoolóxico está deseñado para a realización de visitas guiadas mediante un percorrido a través dun xardín botánico no que os participantes poden observar a riqueza e variedade de aves dos 5 continentes, en 76 recintos en función da especie á que pertencen. No centro préstase unha atención especial á fauna autóctona e tamén a aquelas especies que, polo seu estado de conservación, se atopan en programas específicos de recuperación.

Etiquetas