Friol adxudica obras por valor de 400.000 euros

O Concello de Friol vén de adxudicar as obras de realización dun centro colaborativo, no que se investirán case 300.000 euros. A empresa adxudicataria, entre unha decena de propostas presentadas, foi Covisam Norte SL.

Na proposta seleccionada reducirase o prazo de execución en 10 semanas, as cales deben estar terminadas antes de final deste ano 2020, e o prazo de garantía será de dez anos. Ademais a empresa en cuestión comprométese a realizar unha serie de melloras indicadas nas cláusulas administrativas da licitación das obras.

Este espazo realízase para dar un impulso económico e tecnolóxico ao municipio, algo que persegue o Equipo de Goberno que preside José Ángel Santos.

Para a súa execución cóntase cunha axuda da Agader, dependente da Consellería do Medio Rural, e dentro do marco do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020, en concreto a través do Programa Leader, por importe de 160.000 euros.

O contrato de obra de aforro e eficiencia enerxética na iluminación pública nas parroquias de Ramelle, Carballo e Vilalvite foi adxudicado á empresa Solarel S.L.

Na proposta seleccionada o prazo de garantía será de dez anos, a empresa en cuestión comprométese a realizar unha serie de melloras indicadas nas cláusulas administrativas da licitación das obras e ademais incluirá 25 luminarias a maiores das proxectadas. O prazo de execución será de dous meses.

Este proxecto supón un investimento de case 50.000 euros financiado desde a Xunta de Galicia dentro do Fondo de Compensación Ambiental.

Outro dos contratos adxudicados recentemente é o da construción dun centro sociocultural en Pedramaior, na parroquia de Silvela, cuxa empresa adxudicataria foi Cholo S.L.

Esta oferta presenta unha redución de prazo de 155 días hábiles polo que o prazo total de execución é de 25 días hábiles e comprométese a realizar as dúas melloras reflectidas no prego.

Neste proxecto invístense máis de 73.000 euros con cargo a fondos propios do Concello de Friol.

José Ángel Santos sinala que “apostamos por realizar estas importantes inversións, con un esforzo tamén moi importante para o Concello, porque todo o Equipo de Goberno apostamos pola dinamización da poboación e a posta ao día, tanto con ofertas formativas como con prestación de servizos TIC, así como a posta a disposición de locais de reunión, debemos coidar estes aspectos se queremos axudar a fixar poboación no medio rural, ademais de perseguir un aforro e eficiencia enerxética dos servizos públicos.”

Etiquetas