Skip to main content
Actualidade

O Concello das Pontes participa no programa Invest in cities

Por 30 Xullo, 2020Sin comentarios

O Concello das Pontes é un dos 20 territorios que participará na terceira edición do programa Invest in Cities, posto en marcha polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo co obxectivo de atraer inversión ás cidades españolas, apoiar o desenvolvemento económico dos municipios así como ofrecer solucións de financiamento e dixitalización ao tecido empresarial dos territorios participantes.

Ao remate da presentación telemática do programa, que contou coa participación da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e do presidente da Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (CEPYME), a responsable de Industria e Emprego do Concello das Pontes, Ana Pena, subliñou que “este programa suporá unha oportunidade para atraer investimento ás Pontes e, deste xeito, contribuir á súa reactivación social e económica, poñendo en valor os atractivos que ten o noso pobo para a creación e asentamento de novos proxectos empresariais, especialmente tras a crise do COVID 19”

A participación das Pontes neste programa supón a inclusión na plataforma web www.investcities.com e presenza en foros rexionais de inversión, en encontros empresariais no extranxeiro así como no Foro de Cidades Atractivas para a Inversión, o que situará as Pontes nun lugar privilexiado para amosar as súas fortalezas e vantaxes competitivas aos posibles inversores.

Dentro da plataforma dixital, As Pontes figurará como un municipio atractivo para o investimento, disporá dun microsite onde se reflectirá o seu posiciomanento xeral, as súas vantaxes, os proxectos de desenvolvemento ou bonificación e axudas fiscais.

Por outra banda, o programa inclúe dúas plataformas de atracción; Invest in You para startups e Invest in Companies, dirixida a empresarios que buscan acometer unha ampliación de capital ou a transmisión da súa empresa e que tamén permitirán aos empresarios e empresarias pontesas acceder a asesoramento profesional, capital privado e financiamento para os seus proxectos.

O programa tamén contempla unha visita dun equipo de consultores do Grupo PGS que terá como obxectivo optimizar a participación da vila na iniciativa así como diferentes expedicións comerciais a destinos internacionais para dar a coñecer as vantaxes competitivas das Pontes como destino para recibir investimento procedente doutros países.

O Concello das Pontes tamén porá en valor o seu potencial estratéxico como cidade atractiva para o investimento ante os máis de 1.000 investidores, representantes de xestoras de capital risco, promotoras inmobiliarias, SOCIMI, bancos, venture capital, private equity ou redes business angels que se darán cita no III Cume de Invest in Cities que se celebrará o próximo 17 de decembro en Madrid.