Parga Non Se Divide denuncia listas de espera no centro médico de Guitiriz

A asociación veciñal Parga Non Se Divide alerta das consecuencias que están a sufrir os veciños e veciñas de Parga e de todo o Concello de Guitiriz polo peche do Centro Médico de Parga.

Por iso, preparan unha asemblea aberta no Campo da Feira de Parga o xoves 6 ás 21.00 horas.

Segundo aseguran dende a plataforma “estamos a ver xá listas de espera de máis de unha semán para unha consulta médica que, aínda por riba é vía telefónica, con moi poucas consultas presenciais, aínda en doenzas de certa gravidade. Ao peche de Parga únese o desfrute de vacacións dos médicos sen que se cubra nin tan sequera parcialmente o servizo. Isto deriva nun empeoramento obxectivo do servizo, tanto para usuarios de Parga coma para o resto. É unha vergoña” dín.

Dende a Plataforma denuncian que aínda están a agardar pola contestación oficial da Xerencia do Sergas sobre “as propostas que se puxeron enriba da mesa” e lamentan que se estea a cumprir o que se leva advertindo dende fai tempo pola veciñanza: “O Sergas está moi cómodo nesta situación, co centro pechado e cos médicos encerrados nos seus despachos en Guitiriz sen atención presencial e apostando fortemente pola atención telefónica que xá prometeu Feijoó e que se está a instaurar pola porta de atrás coa escusa do Covid-19”.

Para os representantes da Plataforma, a situación actual amosa claramente as incoherencias que amosa a Xerencia do Sergas co peche de Parga, a quen lle dirixen unha serie de preguntas como se non hai atención presencial no Centro de Guitiriz, qué impide que se preste a atención telefónica dende o Centro de Parga? Se a atención é telefónica na maior parte dos casos, porqué é necesario o dobre circuíto no Centro de Parga? Non se pode establecer unha triaxe dos pacientes e, no seu caso, derivalos as instalacións mais axeitadas para cada caso? Qué impide que o resto de doenzas se poidan atender en Parga? Como é posible que nos Centros Públicos sexa indispensable o dobre circuíto e nos centros privados se permita a atención presencial sen ese dobre circuíto? Unha extración de sangue que precisa un evidente contacto físico é menos perigosa que unha exploración visual a un paciente? Son os nosos ATS persoal médico de segunda categoría e por iso teñen que estar mais expostos? Porqué se poden realizar curas en Guitiriz e non en Parga?

Dende Parga Non Se Divide aseguran que todas estas preguntas xá se realizaron previamente nas diversas reunións cos responsables do Sergas sen que recibiran mais que “respostas vagas e que non aclaran en nada unha xustificación a este peche que non sexa o que nos tememos: a amortización de postos e o peche do servizo. Por iso imos a continuar a pelexar pola reapertura do noso centro de saúde e por iso convocamos unha asemblea veciñal o vindeiro xoves 6 de Agosto no Campo da Feira para valorar novas accións”

Asimesmo, dende a Plataforma veciñal queren valorar positivamente o acordo unánime acadado no Pleno da Deputación Provincial de Lugo para esixir a reapertura total do centro Médico de Parga e o de Castro de Rei. No Pleno do pasado martes aprobouse unha iniciativa do Goberno impulsada dende o BNG para a reapertura dos centros. 

“Amosa que os partidos políticos están preocupados pola perda de servizos que se fai evidente nesa moción. Ata o Partido Popular recoñece que a súa xestión é mellorable no ámbito sanitario e que a decisión da Xerencia do peche de Parga e Castro de Rei, a quenes mandamos un afectuoso saúdo e toda a nosa solidariedade e apoio, é un erro gravísimo. Se non fora así, obviamente non terían votado a favor da reapertura, o que equivale a unha reprobación dos seus compañeiros do Sergas” aclaran, aínda que se amosan contundentes á hora de calificar ao deputado e alcalde de Castro de Rei Francisco Balado, que actuou coma portavoz do PP nese punto, a quen acusan de “non ter lexitimidade algunha para falar no nome dos veciños e veciñas de Parga e asegurar que están moi contentos con esta situación. Convidámolo a vir a Parga e falar coa veciñanza de primeira man e despois que saque as súas propias conclusións” para rematar de xeito retranqueiro asegurando que “pode vir tranquilo, en Parga ninguén lle vai pinchar as rodas do coche, somos xente pacífica e cívica, aínda que esiximos con firmeza os nosos dereitos”

Etiquetas