O Concello das Pontes reabre a praza da Magdalena

O Concello das Pontes procedeu, esta mañá, á reapertura da praza da Magdalena tras a finalización das obras de reurbanización deste espazo público e a súa contorna, orientadas a revitalizar unha zona emblemática do poboado da Magdalena, ata agora en desuso, da que anteriormente gozaban tanto a mocidade da zona como dos barrios lindantes e que actuaba como lugar de reunión para os maiores.

Os traballos, realizado con fondos propios do Concello das Pontes, cun orzamento de 234.724,56 euros, tiveron como obxectivo prioritario recuperar o espírito orixinal da praza e o seu carácter como punto de encontro dos veciños e as veciñas, mediante a creación de zonas verdes, unha área de xogo infantil e a renovación dos servizos públicos.

Este proxecto, do mesmo xeito que as intervencións realizadas polo Concello noutras áreas de esparexemento e lecer no núcleo urbano, permitiu incrementar os niveis de funcionalidade, seguridade, accesibilidade, eficiencia enerxética, calidade ambiental e sustentabilidade da zona e por extensión, a calidade de vida e benestar da veciñanza.

Deste xeito, a Praza da Magdalena convértese, de novo, nun espazo para o lecer e a convivencia interxeracional, a través da creación de diferentes ámbitos nos que se combinan espazos de reunión, integrados por medio de amplos xardíns, itinerarios peonís pavimentados e unha fonte transitable.

A nova praza do Poboado da Magdalena é un espazo completamente inclusivo no que  se eliminaron as barreiras arquitectónicas existentes para impulsar un espazo accesible para as persoas con diversidade funcional e problemas de mobilidade, incluíndo a instalación de mobiliario urbano de distintas lonxitudes, deseñados de acordo cos criterios de accesibilidade.

O proxecto tamén incluíu a mellora da iluminación pública con farois de 5 metros de altura e lámpadas led que permitirán o aforro de custos co máximo rendemento lumínico. Así mesmo, nas zonas verdes executouse unha rede de rega independente da rede de auga potable e unha estación meteorolóxica controlará a totalidade dos circuítos para fomentar a maior sustentabilidade no consumo hídrico. Por outra banda, tamén se executou unha rede de electricidade conectada á rede existente, para prestar subministración tanto á rede de rega como á fonte.

Etiquetas