Vilalba mantén as Festas do San Ramón cun novo formato

O Concello de Vilalba decidiu manter as Festas do San Ramón, aínda que nesta ocasión serán cun formato diferente e coa adopción de todos os protocolos e recomendacións de seguridade e saúde necesarias polo coronavirus.

As festas comezarán o 29 de agosto e está prevista tamén a celebración da feira mensual o día 6 de setembro. A pregoeira será María Reimóndez e o día 31 de agosto está programado un concerto de Ses. Nas próximas datas, o concello publicará a programación completa.

O Concello de Vilalba decidiu suspender a xira campestre celebrada nas primeiras datas do San Ramón, por non poder garantir as condicións óptimas para a súa celebración. Como todos os anos, mantense o certame literario e o concello suprime a figura da raíña e damas das festas.

Polo demais, as festas de San Ramón e Santa Maria celebraranse con pequenos concertos de aforo limitado en distintos puntos de Vilalba, con espectáculos itinerantes para evitar aglomeracións e respectando as medidas de seguridade indicadas na normativa sanitaria. Haberá actividades para todos os públicos.

“Son moitos os grupos que non fan xira este ano, pero quixemos buscar alternativas para poder manter as festas noutro formato, sen ningún risco de contaxio e con indicacións moi estritas”, afirma a alcaldesa, Elba Veleiro.

A pregoeira, Maria Reimóndez, é unha das escritoras e poetas máis destacadas do panorama da literatura galega actual. É tamén autora de teatro e libros infantís. Entre outros premios e galardóns, gañou o Xerais de Novela por ‘Desde o Conflito’ (2014).

RAÍÑAS E DAMAS DE HONRA.

O Concello de Vilalba aprobou no último Pleno o terceiro Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres, no que se inclúe a eliminación da raíña e as damas de honra das festas de San Ramón e Santa María.

Esta medida, aprobada por unanimidade, levaba anos sendo obxeto de debate no Concello por considerarse machista e descontextualizada no século XXI.

Tras varias anos de debate entrou neste Plan de Igualdade, que terá unha vixencia de catro anos e foi un proceso participativo do persoal técnico do Concello, a comunidade educativa, o tecido asociativo e os colectivos feministas.

Despois das reunións establecéronse sete obxectivos cunha serie de actuacións para cumprir en cada un e que abranguarían varios ámbitos, como incorporar o enfoque de xénero no Goberno e a xestión municipal; o mercado laboral e o emprego; a educación e a igualdade de xénero; benestar e calidade de vida; conciliación, corresponsabilidade e coidados; cultura, deporte e participación social, e prevención e actuación ante a violencia machista.

Tamén a formación en igualdade, a prevención de violencia de xénero, os modelos de crianza, a creación dunha comisión de igualdade, o estudo das demandas de conciliación e a ampliación das medidas, ou a dinamización das mulleres e a promoción do deporte feminino son algunhas das medida incluídas no citado documento.

 

Etiquetas