Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PP de Vilalba impulsa a firma do convenio entre Concello e a asociación Sete Pontes

Por 5 Agosto, 2020Sin comentarios

A iniciativa do Grupo do PP de Vilalba, a corporación municipal aprobou no último pleno que o Concello asine un convenio coa Asociación de Empresarios Sete Pontes con dotación orzamentaria de cara ao desenvolvemento de actividades de dinamización do tecido empresarial do municipio.

Segundo os populares, “a sinatura deste convenio compromete ao goberno municipal a colaborar no fomento do pequeno comercio e a hostalería e na dinamización doutros sectores produtivos” a través de distintas accións, talleres de formación, transformación dixital, prevención e sensibilización da covid-19; ademais de financiar outras actividades esencias da asociación que engloba a boa parte dos empresarios e comerciantes vilalbeses que “son o piar económico do noso concello”.

Os populares condenan “a falta total de actuacións por parte do goberno vilalbés á hora de paliar os danos económicos derivados da covid-19 e reactivar a economía local”; e, na mesma liña, lamenta que fose rexeitado o Plan Municipal de Reactivación Económica, Social e Laboral de Vilalba que dende o Grupo Municipal Popular propuxeron no anterior pleno co obxectivo de paliar, na medida do posible, estas dificultades.

Ante esta situación de “paralización e abandono por parte do equipo de goberno ao pequeno comercio, a hostalería e aos empresarios en xeral”; dende o Partido Popular plantexaron esta nova iniciativa coa mesma finalidade de axudar aos afectados pola crise socio-económica do coronavirus. Os populares achegan así propostas concretas e útiles para os veciños e veciñas ao considerar que “o mantemento da actividade económica e do emprego é vital para Vilalba”.