Enquisa Mobilidade

Os populares de Meira propoñen medidas para a dinamización

O Grupo Municipal do PP propón a adopción de novas medidas de cara á dinamización dos sectores máis afectados pola crise económica derivada da covid-19 despois das propostas realizadas polos populares no pasado mes de marzo ao goberno local entre as que se incluía a rebaixa de impostos e taxas municipais.

Os populares explican que “as empresas do noso municipio se ven obrigadas a afrontar esta nova situación con menos ingresos e máis gastos coma os derivados do cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias de prevención do coronavirus”. É por iso polo que dende o Grupo Municipal Popular propoñen novas medidas que recollen nunha iniciativa que será debatida na sesión plenaria deste xoves.

Concretamente, os populares propoñen agora que o Concello dirixa aos sectores máis afectados por esta crise económica os recursos destinados ás festas municipais, á Festa da Malla, á comida dos maiores e outros eventos que foron suspendidos este ano. Igualmente, cren positivo rebaixar a taxa de obras, consumos ou uso do solo municipal co obxectivo de “incentivar e facilitar que os veciños de Meira realicen obras e outras melloras”. 

Os populares de Meira propoñen tamén que o Concello poña en marcha melloras socioeconómicas e actividades de dinamización para os vindeiros meses a medio e longo prazo; xa que “esta crise non será superada de forma inmediata”.

Rescisión do contrato á empresa adxudicataria do SAF

Outra das propostas que o Grupo Municipal do PP defenderá no pleno deste xoves é “a rescisión do contrato o antes posible á empresa adxudicataria do servizo de axuda no fogar” ante “as inquietantes noticias recollidas polos medios de comunicacións nas últimas semanas sobre un suposto caso de explotación laboral por parte de dúas mulleres relacionadas coa empresa a traballadoras inmigrantes en situación irregular”.

O voceiro do PP de Meira, Carlos Veiga, asegura que “o servizo de axuda no fogar aos nosos maiores é un dos servizo máis importantes cos que conta o noso concello” e, por iso, sinala que “se debe manter a súa prestación sendo asumida polo Concello”. Así mesmo, propoñen dende a formación popular que “as empregadas que realizaban este traballo e xa foron anteriormente empregadas municipais volvan depender de xeito inminente ao Concello de Meira nos termos nos que estaban contratadas anteriormente como persoal laboral do Concello”.

Etiquetas