Santa Comba da Órrea celebra as patronais cun programa de radio

A parroquia de Santa Comba da Órrea, no concello lugués de Riotorto e integrada na comarca, non recoñecida oficialmente, da Terra de Miranda, realizará este próximo domingo, día 9 de agosto, a partir das 12.00 h., a súa primeira emisión de radio da historia. A emisora en liña, bautizada como Ondas Órrea, poñerá en antena virtual un programa que intenta facer posible que, cando menos unha vez ao ano, os veciños e as veciñas poidan verse e contribuír a que a parroquia, a pesar do despoboamento e da emigración masiva, siga existindo como tal.

Nun ano normal, sería a festa parroquial –que se celebra a comezos de todos os meses de agosto– a que fixese posible o reencontro. Dado que a situación sanitaria impide que a festa poida ter lugar, a Asociación de Veciños e Veciñas optou pola posibilidade dun programa de radio en liña que permita que a relación entre todas as persoas con algo que ver coa parroquia siga existindo.

O programa está concibido como un magazine no que participarán veciños e veciñas que durante todo o ano viven e traballan na parroquia. Pero tamén terán intervencións desde outros lugares do Estado e do estranxeiro emigrantes nativos da Órrea, así como especialistas e estudosos da propia parroquia e da comarca. A persoa encargada do mantemento do programa levará a cabo, á súa vez, un percorrido pola historia, pola xeografía e pola realidade actual local. A emisión completarase, como non podería ser doutro modo, cunha sesión vermú virtual na que a audiencia poderá participar enviando as súas dedicatorias e saúdos.

A primeira experiencia radiofónica parroquial poderá sintonizarse na páxina de Facebook da Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, así como en spreaker.com, a ferramenta en liña que fará posible a emisión.

Previamente, o sábado 8 de agosto, ás 22.00 h., no campo da festa, a parroquia estreará o documental Santa Comba da Órrea á vista do lamego, da autoría de Francisco Varela, que recolle unha viaxe aérea polos lugares da parroquia –a maior parte aínda vivos, outros despoboados e, incluso, algún xa fisicamente desaparecido– e pola súa realidade actual.

Trátase dun vello proxecto do propio realizador e da Asociación de Veciños e Veciñas que intenta, por unha parte, dar a coñecer a parroquia en toda a súa plenitude e en todos os seus recunchos. Por outra, analizar cal é a realidade actual dos distintos lugares que a conforman para contemplar proxectos de restauración como os que, afortunadamente, xa se están desenvolvendo nalgúns deles.

A parroquia de Santa Comba da Órrea sitúase ao Sur do Concello de Riotorto, na cabeceira da comarca da Terra de Miranda accedendo a ela desde A Terra Chá. Trátase dunha parroquia moi extensa pero na que viven de xeito permanente na actualidade só 49 persoas, cando na década dos anos 1960, por exemplo, contaba cuns 500 habitantes. O fluxo migratorio foi traumático particularmente nos dous últimos séculos, a América primeiro e a outros lugares do Estado e de Europa a partir dos anos 60 do século XX. Como sucede con outros lugares do rural galego, A Órrea necesita na actualidade da posta en marcha urxente de accións políticas que lle permitan fixar poboación.

Etiquetas