Skip to main content
Actualidade

As Pontes publica a primeira resolución do Plan de reactivación

Por 7 Agosto, 2020Sin comentarios

O Concello das Pontes publicou a resolución provisional das axudas do Plan Municipal de Reactivación Económica e Laboral do Concello das Pontes (Aprel 2020), destinadas a paliar o impacto económico, social e laboral, derivado da crise sanitaria provocada polo COVID 19 sobre as microempresas e persoas autónomas do Concello das Pontes.

Así, fíxose publica a resolución da mesa de valoración, composta por varios técnicos do Concello. Os listados poden consultarse na páxina web do Concello, na ligazón. Coa publicación oficial dos primeiros listados, todas as persoas solicitantes teñen un prazo de 5 días hábiles, a contar desde o 7 de agosto, para presentar as alegacións que consideren oportunas así como aportar as documentacións naqueles casos nos que se lles require, a través da sede electrónica do Concello das Pontes.

Nese sentido, Ana Pena, responsable de Industria e Emprego apuntou que “entendemos da situación que están atravesando as empresas e as persoas traballadoras neste proceso de recuperación, polo que intentamos ser o máis áxiles posibles nesta primeira resolución.  Somos un dos concellos que menos tardou en resolver, en aras de favorecer a présa no cobro das axudas tamén para aqueles casos que teñen algún requirimento na documentación aportada ”

Por outra banda, Ana Pena tamén anunciou a convocatoria dunha nova edición do Plan Municipal do Plan Municipal de Reactivación Económica e Laboral do Concello das Pontes, unha vez resolta a concesión das axudas da presente edición, “para todas aquelas persoas ou microempresas que por diversos motivos non puideron axustarse ás bases desta convocatoria na data na que se publicou, habilitaremos unha nova convocatoria de xeito inmediato, para asegurar que as axudas chegan ao 100% dos veciños e veciñas solicitantes que viron seriamente prexudicada a súa actividade económica e laboral por mor da pandemia ”

APREL

O Plan Municipal de Reactivación Económica e Laboral do Concello das Pontes (APREL 2020), destinadas a paliar o impacto económico, social e laboral, derivado da crise sanitaria provocada polo COVID 19 sobre as microempresas e persoas autónomas do Concello das Pontes conta con dúas liñas de achegas; unha cota fixa de 600 euros para persoas físicas e xurídicas afectadas polo peche dos seus establecementos disposto no RD 465/2020 de 17 de marzo que modifica o artigo 10 do RD 463/2020 de 14 de marzo e outra liña, cunha cota fixa de 500 euros, para aquelas persoas autónomas ou micropemes que sufriran unha redución da súa facturación de polo menos o 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do Estado de Alarma.

Entre os gastos subvencionables atópanse a cota da seguridade social, arrendamentos e canons, reparacións e conservacións, servizos profesionais independentes, gastos de subministración (auga, luz, gas ou teléfono) o outros gastos como útiles de desinfección, cotas de préstamos ou amortizacións.