O ADC San Xoán non terá equipo feminino sénior esta tempada

O ADC San Xoán de Guitiriz non contará esta tempada que comeza en setembro co equipo sénior feminino que participaba na Primeira Galicia Feminina de Lugo de fútbol sala.

Segundo explicaron dende o equipo as condicións laborais, persoais ou familiares impiden a moitas das xogadoras continuar este ano, e outras faríano pero cunha limitada dispoñibilidade. “Por iso, non se contaba coa xente suficiente para poder participar na competición con efectividade”.

“Cómpre destacar, que tanto as xogadoras como a directiva fixemos todo o esforzo que estaba nas nosas mans para conseguir persoal e que o equipo saíra adiante, mais todos os intentos non coseguiron remediar a situación, tendo a xunta directiva que adoptar esta decisión”, indican.

O equipo amosou “todo o noso agracemento ás rapazas que nestes anos vestiron e pelexeron polas nosas cores, sempre con ánimo e alegría. Desexámoslles moita sorte, tanto futbolísticamente, como nas súas vidas. Non decimos adeus, senón un ata pronto, porque agargadamos que máis axiña que tarde, poidamos volver xuntarnos neste clube para seguir desfrutando co fútbol sala feminino. Dende logo, que poñeremos todo o noso esforzo”, conclúen.

Etiquetas