As Pontes retoma a formación presencial nos cursos do PIE

O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello, retomou no mes de xullo á formación de carácter presencial coa reactivación do curso de plataformas elevadoras móbiles e a posta en marcha do curso de mantemento industrial e o de procura activa de emprego por internet.

A responsable da área de emprego, Ana Pena, subliña a importancia de recuperar esta modalidade formativa, xa que permitirá ao alumnado realizar a parte das prácticas non laborais que quedou interrompida polo Estado de Alarma, e deste xeito “seguir mellorando a ocupabilidade e a inserción laboral dos veciños e veciñas das Pontes con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral. A data de hoxe, 57 persoas atoparon traballo desde o inicio do Programa Integrado de Emprego das Pontes, estamos moi satisfeitos cos niveis de inserción, a pesar do parón sufrido polas empresas a causa da crise provocada polo COVID-19, e confiamos que co reinicio da formación presencial e a recuperación da actividade produtiva, as cifras de inserción continúen na mesma liña”.

Así, a primeira semana de xullo púxose en marcha, nas instalacións do IES Castro da Uz, o curso de mantemento industrial, con prácticas non laborais en empresas do municipio tales como Evalam, Einsa, Delagro e Galcore, cunha duración de 200 horas e na que participan 8 persoas que adquirirán coñecementos sobre montaxe e mantemento dos sistemas pneumáticos, estrutura autómata programable, electricidade e automatismos, variadores ABB, caldeiras industriais e conceptos de refrixeración e mesmo introdución á soldadura SMAW.

Asemade iniciouse o curso de busca activa de emprego por internet, cunha duración de 25 horas e no que toman parte 19 persoas, no que o alumnado adquirirá coñecementos básicos para poder manexarse na rede, coñecer os procedementos para rexistrarse nas empresas de traballo temporal, nos procesos de contratación, tanto públicos como privados.

Tamén durante o mes de xullo finalizaron as dúas edicións do Curso de Plataformas Elevadoras Móbiles de Persoal (PMEP) a través do que 24 persoas obterán o permiso preciso para o manexo de plataforma elevadora cumprindo os requisitos da normativa UNE 58923. Esta acción formativa, que incluíu formación práctica impartida no Polígono Industrial dos Airios, organizouse en dúas quendas, en horario de mañá e de tarde, co obxectivo de favorecer o acceso ás persoas beneficiarias do Programa Integrado de Emprego que xa estaban traballando.

O 3 de agosto deron comezo dúas novas formacións; un curso con prácticas en empresa de Peixería, de 200 horas de duración, no nove persoas aprenderán coñecementos básicos sobre tipos de peixes e mariscos, hixiene alimentaria no sector, tratamento e preparación do peixe (desespiñado, fileteado, corte e presentación) así como prevención de riscos laborais.

Así mesmo ese día, á mesma hora, daba comezo, no centro de formación local, Ensino, a formación que conduce á obtención do certificado de profesionalidade de Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais.

Etiquetas