Skip to main content
Actualidade

Luz verde ao proxecto da cooperativa Canal IV das Pontes

Por 13 Agosto, 2020Sin comentarios

O pleno do Concello das Pontes deu luz verde, durante a celebración dunha sesión extraordinaria urxente, cos votos a favor do grupo de goberno e o Partido Popular, á aprobación provisional do proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias do Canal IV que permitirá a construción de 100 vivendas, en réxime de cooperativa, e que suporán unha inversión de 20 millóns de euros.

A modificación, que conta con informes sectoriais favorables de todos os órganos consultados e sobre a que xa non cabe interpoñer ningún recurso, permitirá axeitar a norma urbanística do ámbito da Canal IV, vixente desde o ano 1985, momento no que os terreos estaban ocupados pola antiga explotación mineira, transformándoo de rústico a solo urbanizable.

Deste xeito, este ámbito urbanístico axustarse á realidade dun espazo que se atopa en contacto coa malla urbana da vila, rodeado de viarios e beirarrúas, sen quitarlle edificabilidade a ningún ámbito urbanístico do concello das Pontes e permitindo a execución dun proxecto estratéxico e de interese público para o municipio.

“Esta modificación tamén permitirá dar resposta ás necesidades da veciñanza, ofrecéndolle a un centenar de familias pontesas a posibilidade de construír as súas propias vivendas, favorecendo o asentamento de poboación. Son cen veciños e veciñas que creen neste pobo e que están dispostos a realizar unha das maiores inversións urbanísticas da provincia, nuns momentos que non son os mellores para o pobo das Pontes”  subliñou o edil de Urbanismo, Antonio Alonso durante a sesión plenaria.

O concelleiro tamén puxo de manifesto os beneficios que o proxecto reportará ao municipio, xa que a “serán os socios cooperativistas os que asuman os costos do proxecto, valorado en 20 millóns de euros, non tendo o Concello que facer fronte a ningún gasto. Ademais a construción da cooperativa vai xerar moito movemento económico durante anos, é un orgullo para o grupo de goberno que haxa veciños e veciñas que aposten, deste xeito, polo futuro das Pontes”

Ademais este proxecto lle permitirá, ao Concello das Pontes obter vivendas de protección oficial, novos equipamentos, zonas verdes, sendas peonís e un novo tramo de carril bici. Así mesmo, as arcas municipais obterán un 10% do aproveitamento neto da vivendas, feitos que repercutirán de xeito positivo no conxunto de toda a veciñanza.

Outros temas

Durante o transcurso do pleno aprobouse cos votos a favor do PSOE e o PP e a abstención do BNG o expediente de licitación da Escola Infantil Municipal A Barosa.

Trátase dun contrato que ten como obxectivo a prestación do servizo educativo asistencial que comprende a atención integral, tanto nos aspectos educativos e sociais como na alimentación, coidado e hixiene. O valor estimado anual do contrato e de 436.617 euros e o prazo e de dous cursos escolares, prorrogables outros dous cursos.

A concelleira de Igualdade, Tania Pardo, sinalou durante a súa intervención que “para o Concello das Pontes este é un servizo esencial de conciliación e atención socio-educativa no que se ten que primar a calidade na atención aos nenas e nenas e as súas familias polos que nos criterios de valoración a puntuación máxima está relacionada co proxecto educativo, a proposta de presentación de servizos e as actividades complementarias que presenten as empresas licitadoras”

Por outra banda, acordouse aprobar, por unanimidade, a adxudicación do contrato de Servizos de axuda no fogar, modalidade de dependencia á empresa local  Servicios Sociais Virxe do Carme, de acordo a proposta da mesa de contratación. Este contrato ten unha duración de 3 anos, prorrogable dous máis, cun prezo de 17,5 euros hora.

Durante esta sesión plenaria tamén se deu coñecemento da renuncia no cargo de concelleiro de Xose Manuel Riveira García, representante de Xuntas por As Pontes- En Común.