Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta esixirá analíticas do estado da auga da traída en varias rúas

Por 15 Agosto, 2020Sin comentarios

Vilalba Aberta vén de anunciar que levará ao vindeiro Pleno Ordinario a problemática relativa ao “deplorable estado” co que a auga da traída volve chegar a determinadas rúas de Vilalba.

Un asunto, que cualifican de estrutural, pois non é esta a primeira vez que na Avenida Terra Chá, na Rúa do Muiño ou en Plácido Peña, entre outras, a veciñanza se ve na obriga de acudir ao supermercado, en tanto que a auga sae “completamente turbia.”

É por isto que, ademais da lóxica crítica política, o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, vén de facer público que esixirá a remisión das analíticas do mes de agosto ao completo, así como un informe dos sistemas de filtrado e potabilización.

“O ciclo da auga en Vilalba non é acorde ás necesidades da veciñanza e as pésimas condicións do abastecemento, súmanse ao mal funcionamento da depuradora, namentres o equipo de goberno segue sen ofrecer solucións do mesmo xeito que acontecía cos gobernos do Partido Popular en pasadas lexislaturas”, remarcou.

Na mesma liña, Renda quixo facer patente a súa indignación logo de coñecer de primeira man o relato dalgunhas das familias e negocios afectados: “Non se pode consentir que veciños de Vilalba se vexan na necesidade de elixir entre comprar garrafas para cociñar e lavarse, ou facelo na mesma auga turbia que, iso si, lles cobrarán igualmente a prezo de auga limpa”.

Neste senso, ademais de esixir garantías no relativo á salubridade dos depósitos, Vilalba Aberta defenderá a creación dun fondo de compensación municipal, co fin de subvencionar o cobro dos recibos dos veciños “toda vez que, se non se actúa, o problema volvera a repetirse”.

Unha opinión, compartida pola súa compañeira de grupo, a tamén concelleira da formación, Mª Xosé Fernández, que censurou unha situación “insostible” pois, “ademais da cor marrón, a auga presentaba un forte cheiro o que, con razón, levantou de novo as críticas duns veciños/as fartos dunha situación que se repite cada vez que chove máis do normal.”

É por isto que urxirán, así mesmo, ao Goberno en minoría do PSOE en Vilalba a “previr que as accións cortoprazistas de última hora, ou o que é peor, a inacción política no eido medio ambiental e de sustentabilidade, remate por prolongar toda a lexislatura a situación”.