Skip to main content
ActualidadeVilalba

Aprobada en Vilalba a modificación de crédito para os bonos de axuda polo covid-19

Por 17 Agosto, 2020Sin comentarios

O Goberno local de Vilalba conseguiu aprobar no último Pleno extraordianrio unha modificación de crédito a través da que se dá luz verde ao bono que pretende incentivar o comercio local e paliar as consecuencias da pandemia. O acordo puido levarse a cabo debido á falta dunha concelleira do Partido Popular, que non puido asistir por enfermidade, e facendo valer o voto de calidade da alcaldesa, Elba Veleiro, xa que Vilalba Aberta votou en contra.

O obxectivo do goberno local é investir 420.000 euros en bonos de compra de 30 euros —cada veciño censado poderá solicitar un e deberá gastalo no comercio local— e outros 80.000 euros en axudas directas a autónomos, pemes e familias máis afectadas pola pandemia.

O portavoz do PP, Agustín Baamonde, asegurou que a postura do seu partido non se centra en negarse a usar diñeiro do Concello, senón a que non se negocie.

Dende Vilalba Aberta cualificaron a proposta de “estafa”. “Non se incorpora remanente a un plan presentado por Vilalba Aberta e aprobado en pleno, pero si a unha proposta do PSOE que non se levou antes a pleno”, di Renda, quen tamén criticou que no haxa “memoria económica nin información sobre como levarán a cabo estas medidas para paliar as consecuencias do Covid-19, á vez que incide en que moitos veciños non solicitarán a axuda”.