Enquisa Mobilidade

Xerardo Quintiá gaña o Certame Literario do Concello de Vilalba

O xurado da XLVI edición do Premio de Poesía do Certame Literario de Vilalba acordou conceder esta distinción ao friolés Xerardo Quintiá Pérez coa Obra inacabada de Dosinda Christensen, que se presentou co lema Árbore ou ceo.

A obra foi escollida entre un total de 86 poemarios, malia que se presentaron 93 e sete foron eliminados por non cumprir as bases do mesmo, sendo o concurso no que se presentou un maior número de traballos.

A decisión do xurado foi unánime. Este estivo composto polo académico da lingua Darío Villanueva Prieto, o catedrático Ramón Villares, o xornalista Xulio Xiz e o director de Radio Principal, Fidel Fernán.

Xerardo Quintiá neceu en Friol, no ano 1970. Poeta, narrador e autor de literatura xuvenil e infantil. En 1984 trasladouse a Lugo para realizar estudos de Bacharelato, cidade na que reside desde entón. Está casado, ten un fillo e traballa como axente comercial. Publicou os seus primeiros traballos na prensa escrita e colaborou en revistas como Dorna ou Xistral. Da man da editorial Galaxia, viu a luz Unha soa man e otros intres (1999) e, no ano 2001, Un rabaño de ovellas brancas.

Posteriormente, en Franka Editora publica O libro dos aparecidos (2002). No ano 2012 volve á narrativa para adultos e de novo en Galaxia publica Hotel Cidade Sur, traducido ao castelán por Pulp Books. En maio do 2015 publica, en Galaxia, O Viaxeiro Radical, traducida ao catalán por Editorial Gregal (2018).

No eido da literatura infantil, na colección Árbore da Editorial Galaxia, publica A verdadeira historia do burro Feldespato (2002) e, en 2007, na mesma colección edítase Ke-Tumba Ke-Tamba, finalista do premio Raíña Lupa.

Para primeiros lectores escribiu Titiritesa, publicado por OQO Editora (2007) e traducido ás principais linguas europeas. Como poeta ten publicado ailalalalelo de auga, Do4 Edicións (2001); Poesía en Ruta, premio Fermín Bouza Brey, Espiral Maior 2007; FORNELOS & FORNELOS, primeira fundación, premio Fiz Vergara Vilariño, Espiral Maior (2011).

FORNELOS & FORNELOS, segunda fundación, foi premio Eusebio Lourenzo Baleiron, Sotelo Branco (2016); e FORNELOS & FORNELOS, terceira fundación, premio Lueiro Rey, Xerais (2019).

Etiquetas