Skip to main content
Actualidade

O seteiro pontés Miguel Alvariño faise co ouro na volta á competición

Por 18 Agosto, 2020Sin comentarios

O arqueiro pontés Miguel Alvariño volveu á competición cunha gran actuación no primeiro campionato nacional da tempada, o Gran Premio de España de Toledo. Inmerso aínda na súa pelexa coa Federación por conservar o a súa praza para os adiados xogos olímpicos de Tokio, o deportista do Sílex alzouse coa medalla de ouro.

Recoñece que a fin de semana foi moi prolífico tanto polo seu resultado persoal como por equipos. O seu compañeiro do Sílex, Dani Castro, tamén integrante do equipo nacional, disputou a final contra Alvariño pero tívose que conformar con colgarse a medalla de prata. O terceiro en discordia foi o gran rival do pontés para a praza olímpica, o burgalés Pablo Acha.

Na competición por equipos, o Sílex das Pontes conseguiu a terceira medalla de prata consecutiva poñéndolle as cousas moi complicadas ao seu máximo rival, o Pozuelo.

Esta semana Miguel Alvariño participará no Campionato Galego de Tiro con Arco e, a seguinte, no Campionato de España en Madrid.