Skip to main content
ActualidadeRiotorto

Mariña Patrimonio denuncia danos no castelo de Penaflor de Riotorto

Por 19 Agosto, 2020Sin comentarios

Mariña Patrimonio vén de denunciar perante a Dirección Xeral do Patrimonio posibles danos no Castelo de Penaflor, situado no lugar de Machín, parroquia de Santa Marta de Meilán, en Riotorto.

Segundo puideron comprobar membros de Mariña Patrimonio, na zona norte deste Ben de Interese Cultural realizáronse recentemente remocións de terras con maquinaria pesada para a apertura dunha pista. As remocións de terras e a pista chegan ao interior do foxo que defendía o castelo. Por outra banda, na zona sur do xacemento abriron tamén unha pista, que sobe ata o mesmo castelo. Estes movementos de terra con maquinaria pesada chegaron ata os muros, que forman parte deste ben patrimonial protexido, o que puido provocar o derrube dalgúns tramos dos muros. Así mesmo, na parcela onde se atopa o Castelo de Penaflor acondicionouse o terreo con maquinaria pesada para a plantación de eucaliptos. Esta acción puido deixar soterrado parte do antigo e orixinal camiño de entrada ao castelo.

Mariña Patrimonio sospeita que estas actividades, que probablemente non conten coa preceptiva autorización da Consellería competente en materia de patrimonio, puideron danar e alterar este ben patrimonial, polo que lle solicita á Dirección Xeral de Patrimonio que se adopten as medidas oportunas para que se proceda á restauración das zonas afectadas, así como a  apertura do correspondente expediente sancionador.  Ademais, dende esta asociación presentaron outra denuncia no Concello de Riotorto por posible infracción urbanística, dado que tanto as remocións de terras como a apertura das pistas previsiblemente non conten coa autorización municipal correspondente.