O Concello da Pastoriza restaura o cristo da Caveira, que estivo 40 anos oculto

O Concello da Pastoriza vén de volver a colocar unha vez restaurado o Cristo da Caveira, no lugar de Xemil, na parroquia de Bretoña. Trátase dunha obra restauración que se une ao resto das realizadas nos últimos tempos no patrimonio municipal. Este cruceiro levaba 40 anos fóra do seu lugar de ubicación.

Este cristo forma un particular conxunto con outros tres no lugar de Xemil e que están colocados formando un rombo irregular e direccional, sinalando os catro puntos cardinais.

Así, o Cristo do Foxe, situado no Camiño Real e preto dun antigo ‘foxo’ para cazar lobos, sinalaba o oeste; o Cristo do Arandal, nome de lugar de arandos camiño de Bretoña, sinala o leste; o Cristo do Romeiro, preto da fonte que hai preto da capela de Santo Antón de Xemil, e que data do ano 1810, sinala o sur; e o Cristo da Caveira, no camiño do Campo do Oso, apunta cara ao norte.

Todos eles foron feitos por canteiros de Santa María Maior de Mondoñedo, xunto con outros moitos da Pastoriza, e están incluídos no libro Cruceiros, cristos e cruces de A Pastoriza de Mario Saavedra, José Manuel Blanco e Fernando Arribas, dentro do proxecto Carboeira.

Tamén entra nas intencións do goberno municipal planificar unha serie de roteiros para dar a coñecer este patrimonio da Pastoriza.

O Cristo de Caveira conta cunha base, cruz latina e tipoloxía florenzada. Está formado por unha base troncopiramidal con duas caveiras no anverso e a efixie de Cristo atopábase deteriorada dende hai uns 30 anos.

É coñecido como Cristo da Caveira porque está preto do antigo Camiño Real de Lugo a Mondoñedo e no lugar era costume colocar unha caveira dunha vaca como sinal de perigo.

Etiquetas