Pastora Veres prepara un libro sobre a historia dos Vilares para outono

A autora Pastora Veres publicará en próximas datas o libro Lareira de Soños, que recolle a historia da súa parroquia natal, tras seis anos de traballos e máis de cen entrevistas.

Esta obra foi xestada aló polo ano 2014, cando o Día das Letras Galegas foi para o poeta vilarego Xosé María Díaz Castro. Na primeira Romaría Labrega da Chaira dos Vilares, xurdiu o compromiso de facer esta obra que verá a luz no mes de outubro e que consta de 400 páxinas.

Está publicado por Fervenza, cun prólogo do xornalista con raíces vilaregas Man Castro, e grazas á colaboración da Dirección Xeral de Política Lingüística, da Deputación de Lugo, do Concello de Guitiriz e de Gadis.

As cen conversas que serviron de guía para a realización do libro contarán con documentación gráfica de máis dun cento de fotos e documentos, para crear esta obra que pretende ser un testemiño dos Vilares e que podería quedar depositado  na casa de Díaz Castro, se finalmente se rehabilita, para que quen o desexe poida consultalo.

O libro estrenarase xunto ao documental Entrar aos Vilares, dirixido por Cibrán Tenreiro e presentado xa no ano 2017, logo de xurdir como un proxecto complementario ao libro. Non é un resumo deste, nin moito menos, senón que ofrece as impresións que deixa a parroquia dos Vilares en tres rapaces completamente alleos a ela.

Hai datos históricos da parroquia tamén, como non podía ser doutra maneira, pero tamén ten moito peso a visión da propia autora, unha vilarega máis que se suma ás moitas historias narradas polos protagonistas dun libro coral, onde os testemuños recabados teñen aínda máis valor se se ten en conta que se trata de xente maior, algunha dela xa desaparecida.

Etiquetas