Enquisa Mobilidade

Cultura da Deputación aproba as axudas para as actividades culturais do 2020

A área de Cultura da Deputación Provincial aprobou as axudas de concorrencia competitiva para o desenvolvemento de actividades culturais durante o ano 2020. Esta liña de subvencións conta cun orzamento de 130.000 euros e poden solicitalas as entidades e asociacións da provincia.

As bases deste ano establecen que polo menos o 5% do custe total da actividade deberá ser financiado con recursos propios da entidade beneficiaria. A contía mínima das axudas é de 300 euros e a máxima de 3.000. Poderán financiarse, entre outros, gastos de persoal, transporte, infraestruturas para o desenvolvemento da actividade, seguros, ou publicidade, etc.

A Vicepresidenta, Maite Ferreiro, destacou: “continuamos colaborando coas asociacións que dinamizan a vida cultural da provincia, máis especialmente nestes tempos de incerteza nos que as asociacións teñen que cinguirse ás ríxidas medidas e levar a cabo proxectos que non saben como van acabar” tamén explicou que “sempre temos en conta criterios que fomenten a igualdade e a integración ademais de impulsar o coñecemento e o desfrute da Cultura Galega: ás tradicións, a música, o patrimonio e, por suposto, a lingua”.

“Esta liña de axudas súmase a outras colaboracións coas asociacións culturais da provincia, unha contribución que supón máis de 1 millón de euros destinados a manter vivo o tecido cultural da provincia” explicou Maite Ferreiro.

A área de Cultura tamén aprobou a achega de 2.000 € para a Premio Otero Pedrayo 2020, que este ano organizará a Deputación de Ourense. O Premio Otero Pedrayo organízase de xeito rotatorio entre as catro provincias galegas para honrar a memoria do escritor, co obxectivo de recoñecer persoas ou entidades cunha contribución no campo das letras e do coñecemento e promocionar os valores propios de Galicia.

Ademais a desde a área de Cultura designáronse dous dos membros do xurado que avaliará as candidaturas para o premio, a propia Vicepresidenta e deputada de Cultura, Maite Ferreiro, e o escritor, profesor e investigador Xosé Miranda.

Etiquetas