Skip to main content
ActualidadePol TERRACHÁXA

A Deputación blinda as residencias de maiores suspendendo visitas e saídas

Por 30 Agosto, 2020Sin comentarios

A Deputación de Lugo blinda a súa rede de centros de maiores por prevención ante os diferentes rebrotes da Covid-19 xurdidos na provincia. Esta blindaxe fíxose efectiva onte venres e contempla a suspensión tanto das visitas como das saídas nos centros de atención a maiores de titularidade provincial de Ribadeo, Trabada, Pol e A Fonsagrada.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, adianta que a decisión adóptase logo dunha reunión da Comisión de Seguimento das Residencias provinciais onde se valorou o novo escenario xurdido na provincia cos rebrotes activos de coronavirus Covid-19. “Seguimos coa nosa política de anticipación e cremos que debe primar a prudencia sempre que estea ao noso alcance, por iso tomamos esta decisión para minimizar o risco de contaxio e protexer aos nosos maiores”, explica. Ademais, o mandatario provincial lembra que xa “dende antes da declaración do Estado de Alarma dende a Deputación primamos o adianto na toma de decisións en materia de prevención nos centros de maiores e agora estamos actuando da mesma maneira xa que a día de hoxe Sanidade non nos ordenou realizar un peche dos centros, senón que é unha decisión propia que consideramos moi necesaria para previr calquera contaxio”.

Tomé Roca pide comprensión ante esta medida aos usuarios e usuarias e ás familias destes catro centros e informa de que se lles notificou de maneira persoal esta decisión. “Sabemos que non é unha situación doada, pero hai que ser conscientes de que a mellor pauta que se pode seguir para facerlle fronte ao virus é a distancia social, non podemos poñer en risco aos nosos maiores e é preferible prohibir e limitar o acceso agora que máis tarde ter que lamentar consecuencias maiores”, indica. O Presidente engade que é “fundamental protexer aos usuarios e usuarias das residencias, xa que son as máis vulnerables xunto ás que padecen patoloxías previas”.

Ata o momento, a institución provincial viña desenvolvendo protocolos moi rigorosos durante as visitas que proviñan do exterior con medidas como a toma de temperatura, uso de luvas, desinfección de calzado ou, entre outras, manter un correcto distanciamento social. Pero ante o novo escenario xurdido, a institución considera que é imprescindible extremar aínda máis as precaucións. Por iso, reforzaranse as videochamadas e as chamadas e tamén se están valorando novas fórmulas de encontro para que manteñan un contacto constante cos seus seres queridos.

Pola súa banda, o Presidente incide en que cada centro irá evolucionando segundo as circunstancias sanitarias da zona na que se atopa ubicado, respectando en todo momento as decisións adoptadas polas autoridades sanitarias. “Estamos mantendo contactos de maneira diaria con Sanidade para aplicar os protocolos axeitados e así o seguiremos facendo”, sostén.

Solicitude de test nos centros
O presidente pídelle á Xunta que realice test de detección do coronavirus Covid-19 tanto ás persoas residentes coma aos traballadores que prestan os seus servizos nos centros da Deputación. “Cremos importante que se realicen probas masivas nas residencias para descartar posibles positivos asintomáticos, xa que as persoas que traballan nos centros teñen que saír e entrar para desenvolver a súa vida privada, feito que nos impide ter un risco cero de contaxio”.

A Deputación continúa aplicando nas residencias e no conxunto de edificios da súa titularidade un reforzo engadido do servizo de limpeza, prestando especial atención ás zonas de acceso e saída dos sectores de illamento, escaleiras, portas, ascensores, zonas de deambulación, entre outras, para reducir o risco de transmisión do coronavirus. Así mesmo, o Consorcio Provincial de Bombeiros realiza desinfeccións integrais nos centros de maiores provinciais.

Lugo

Por outra banda, a Deputación tamén realizou unha intensa tarefa de desinfección nas súas instalacións xa que un traballador de seguridade do organismo deu positivo.

Estas tarefas de desinfección súmanse a outras medidas realizadas para garantir a seguridade dos que traballan e visitan o pazo de San Marcos.