O PAI de Friol abre mañá coas novas instalacións rematadas

A poboación máis miúda do Concello de Friol estrea este martes as instalacións do novo PAI, dando comezo ó curso 2020-2021.

Este novo curso escolar que comezará este martes para os máis novos do Concello de Friol, iniciarase estreando as novas instalacións do recente rematado Punto de Atención á Infancia. Este novo edificio está completamente equipado para dar o mellor servizo e atención a todas as nenas e nenos que queiran facer uso do mesmo.

O novo PAI de Friol conta con unha sala de gateo e unha sala de descanso, ó igual que o anterior edificio, pero a maiores conta con unha sala de audiovisuais, unha cociña totalmente equipada, unha sala de reunións, un baño público, un cuarto da limpeza, dependencias de oficio limpo e oficio sucio, e un gran patio exterior cuberto na parte superior para que os nenos e nenas poidan desfrutar ao aire libre.

O Equipo de Goberno dirixido por Jose Á. Santos considera necesario investir nos máis novos do pobo e dar uns servizos básicos ás familias do Concello, dando así mais posibilidades para a conciliación familiar, polo que leva traballando en estas dependencias moito tempo, para que o resultado fose o mellor posible en canto a instalacións e servizos ofertados no citado PAI.

Conta ademais con todas as medidas de hixiene e protección que marca o protocolo de sanidade da Xunta con respecto á situación que estamos a vivir con motivo do covid-19.

O alcalde José Ángel Santos destacou a importancia de estas instalacións “para seguir na liña de impulsar a natalidade e dar os mellores servizos ás familias veciñas do municipio e tamén para aquelas que decida vir instalarse ó noso municipio”.

Etiquetas