Skip to main content
Actualidade

O BNG de Outeiro solicita unha comisión de seguimento da situación da residencia de maiores

Por 6 Setembro, 2020Sin comentarios

O BNG de Outeiro de Rei solicita a creación dunha comisión de seguimento da situación na residencia de Domus Vi na que estean representados todos os grupos municipais.

A formacion nacionalista demanda “a máxima transparencia na xestión da incidencia da Covid 19 no centro” onde, segundo os datos que facilita o Sergas aos medios de comunicación,  se rexistran máis de medio centenar de persoas contaxiadas, entre maiores e traballadoras.

A concelleira Elvira Lombao sinalou que “a situación da residencia está a xerar moita preocupación entre os familiares das persoas residentes e tamén das traballadoras. Como respresentantes municipais temos a obriga de esixir que a situación se xestione coa máxima transparencia, tanto por parte da dirección do centro privado como das consellerías de Sanidade e Política Social”.

“Esa comisión de seguimento debería servir para coñecer datos precisos sobre os contaxios e as decisións que se están a tomar para deter o avance do virus, e tamén para que os grupos polìticos poidamos propoñer e acordar medidas que poidan mellorar a situación no centro”, expuxo.

A edil tamén sinalou que “a Covid 19 está a poñer ao descuberto as deficiencias do modelo privatizador que impulso o Partido Popular en toda Galiza e a reafirmarnos na necesidade de impulsar un cambio de modelo que aposte pola xestión pública e o dereito a un vellez digna para todas as persoas, como sempre defendemos desde o BNG”

Elvira Lombao pediu ao goberno municipal que “acepte a proposta do BNG para atender as preocupacións da veciñanza  ante a pandemia”. Nese sentido, criticou que “os orzamentos do concello non recolleran ningunha medida para aminorar o impacto económico e social da crise sanitaria entre a veciñanza. O goberno municipal  ten que asumir a responsabilidade e actuar dentro das súas competencias”,  concluíu.