Enquisa Mobilidade

O curso arranca o 10 de setembro de forma gradual

O xoves 10 de setembro comezarán en Galicia as clases, de xeito gradual por mor da pandemia da covid-19 nos ciclos de infantil, primaria e educación especial para 194.221 nenas e nenos, o que supón un 1,3 % menos ca no curso 2019/20, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Neste sentido cómpre lembrar que as cifras de matriculación poden ir mudando ao longo do curso escolar. 

En calquera caso, e malia ao descenso de alumnado, a Consellería de Educación ten previsto reforzar o sistema educativo galego con aproximadamente 1.000 docentes máis. No caso concreto de Educación Infantil e Primaria este curso póñense en marcha 158 unidades máis (grupos de clase), o que leva consigo a incorporación de 240 novos profesores para estas etapas educativas. 

No caso da educación secundaria o reforzo concretarase nos próximos días, unha vez se dispoña dos datos de matrícula e dos desdobres que sexa preciso realizar. A esta medida súmanse outras da consellería como a iniciativa ARCO (instrumento de apoio aos centros para a mellora do rendemento académico que complementa os Contratos-Programa), que permitirá aos centros contar con 543 docentes de apoio (221 para Primaria e 322 para ESO) contratados no curso 2020-21.

Con esta medida, o Goberno galego reforza os medios destinados ao sistema educativo co obxectivo de garantir a calidade do ensino, así como para cumprir coas medidas establecidas no Protocolo de adaptación ao contexto da covid-19 .

No que atinxe ás datas concretas do regreso gradual ás aulas, os primeiros en incorporarse o xoves 10 serán os alumnos de 4º curso de Educación Infantil (3 anos) e 5º de Infantil; 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; e Educación Especial. Ao día seguinte, o 11 de setembro, iniciarán o curso escolar os alumnos de 6º de Educación Infantil e os de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Deste xeito, o venres día 11 estarán xa incorporados ás aulas a totalidade do alumnado das etapas de Infantil e Primaria.

Co comezo de curso gradual búscase facilitarlles a organización aos centros educativos e que a adaptación do alumnado ás novas dinámicas derivadas da aplicación do Protocolo de adaptación ao contexto da covid-19, como son as entradas e saídas por diferentes accesos ou en quendas, os sentidos únicos nos desprazamentos polas instalacións, o mantemento das distancias ou a hixiene de mans frecuente, entre outras medidas. Cómpre lembrar tamén que o alumnado deberá comprobar diariamente na casa, antes de acudir á escola, se ten algún síntoma compatible coa covid-19 (febre, tose seca, dificultade respiratoria, cansazo…). Diante de aparición algún dos síntomas, debe quedar na casa e a familia solicitará consulta co seu pediatra ou médico.  

Educación Infantil

Segundo estimacións da Xunta de Galicia, 58.997 alumnos comezan este ano nas aulas de educación infantil, o que supón practicamente a mesma cifra ca no curso anterior (un 0,9% menos).

Educación Primaria

Por outra banda, as mesmas previsións que manexa a Consellería indican que 134.093 alumnos tamén comezan o mércores as clases de educación primaria en Galicia, o que supón un 1,5 % menos.

Educación especial

No que atinxe á educación especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 1.131, 20 alumnos máis ca no 2019/20.

Servizos complementarios

O mesmo día do comezo de curso escolar empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería, tras as modificacións oportunas que se realizan anualmente para o seu axuste ás necesidades actuais.

Así, este ano, a falta de que se pechen as últimas autorizacións, o número estimado de prazas de comedor escolar será de 77.060, das cales 15.416 serían xestionadas por ANPAS ou Concellos, existindo tamén axudas –ou convenios de colaboración- da Consellería neste concepto para ambas entidades. En total o departamento educativo da Xunta xestiona 417 comedores, deles 281 de forma directa e 136 de forma indirecta  (a través de empresas que serven menús con todos os estándares de calidade garantidos). Pola súa banda as ANPAS son responsables de 138 comedores e os Concellos de 52. Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería subvenciona os menús de arredor de 4.705 comensais nestes 52 centros escolares de 15 concellos de toda Galicia. A maiores tamén destina axudas a Anpas para a xestión dos comedores.

Así mesmo a Consellería facilita subvencionar o servizo de comedor escolar a 518 alumnos de centros de educación especial non públicos a través de convenios con 15 entidades, cun orzamento de 223.441,96 euros.

No que atinxe ao transporte, prestarase servizo –segundo as estimacións provisionais- a 86.957 alumnas e alumnos de 774 centros públicos. Ademais, darase cobertura de transporte a 311 alumnos de centros de educación especial que non son públicos a través de convenios con 13 entidades, cun orzamento de 1.016.115,92 euros. Deste xeito Galicia volve ser a primeira Comunidade do Estado no referido ao volume que representa este servizo educativo complementario.

 

Etiquetas