Enquisa Mobilidade

As Pontes executa as obras de mellora do saneamento en Espiñaredo

O Concello das Pontes iniciou, a semana pasada, as obras de mellora do sistema de saneamento en Espiñaredo, unha actuación que permitirá ademais evitar os verquidos superficiais.

Os traballos, cun orzamento de 42.500 euros procedentes de fondos municipais, permitirán executar a prolongación do actual colector mediante unha perforación horizontal dirixida, cruzando o vial AC-110, ata unha fosa séptica con tratamento de augas residuais.

A fosa contará con dous compartimentos nos que se producirá a decantación de sólidos e a separación de escumas e graxas, e o tratamento bactericida encargado de metabolizar a materia orgánica.

Desde o Concello de As Pontes pídese desculpas á veciñanza polas molestias que poidan ocasionar estes traballos e lembran que estas obras forman parte do plan de traballo deseñado polo goberno local para as parroquias do rural pontés, destinado a mellorar a rede de estradas e camiños, continuar coa incorporación de novos saneamentos e ampliar os equipamentos xa existentes co obxectivo de mellorar a calidade de vida no rural, revitalizar as parroquias e promover o asentamento poboacional.

Etiquetas