Bonos consumo Vilalba

O Ceip Laverde Ruíz empeza o curso sen comedor, denuncia o BNG de Outeiro de Rei

O BNG de Outeiro de Rei criticou a improvisación coa que a Xunta de Galiza e o Concello de Outeiro de Rei afrontan o inicio do curso escolar no CEIP Laverde Ruíz.

Os nacionalistas denunciaron que as familias recibiron na tarde deste mércores un comunicado no que se indica que “non vai haber servizo de comedor ata novo aviso”. A voceira da formación Elvira Lombao denunciou a situación na que quedan as familias “que se atopan con isto horas antes de comezar o curso. Os nenos e nenas non poderán comer no colexio ás 14.30 horas, como estaba previsto, e ademais terán que esperar corenta e cinco minutos para coller o autobús” xa que, segundo explicou, no mesmo comunicado indícase que o horario do transporte se mantén para as 15.15 horas.

Lombao sinalou que se trata dunha situación inadmisible, que altera os plans de moitas familias sen tempo para reaccionar e que priva aos nenos dun servizo que, ademais de servir para a conciliación, é tamén un recurso pedagóxico que a Xunta ten que garantir”. Nesa liña lembrou que a normativa autonómica establece que “todos os nenos e nenas que viven a máis de dous quilómetros do centro e, polo tanto, teñen dereito a transporte, tamén teñen dereito ao servizo de comedor”.

O BNG tamén criticou a inoperancia do goberno municipal que “tampouco aclarou se vai facer a limpeza do centro nas condicións requeridas polos protocolos sanitarios”. “Desde o BNG, somos conscientes de que asumir ese servizo supón un custe extra para os concellos e reclamámoslle a Xunta que proporcione ás entidades lcoais os recursos para poder cumprir cos novos requisitos, pero a horas do inicio escolar as condicións deste servizo deberían estar definidas”, esixiu.

O protocolo da Xunta de Galiza indica que os centros precisan unha desinfección xeral unha vez ao día, unha desinfección dos aseos tres veces ao día e unha persoa que estea pendente da limpeza dos espazos de uso común durante a xornada.

Etiquetas